O IEM vai publicar unha obra inédita de Taibo, Contos Pequenos

O grupo de teatro afeccionado Bertorella que interpretou algúns deste Contos Pequenos na entrega do Premio Vitoriano Taibo.

O grupo de teatro afeccionado Bertorella que interpretou algúns deste Contos Pequenos na entrega do Premio Victoriano Taibo.

O Instituto de Estudios Miñoráns quere celebrar que hai cincuenta anos, o día 13 de marzo de 1966, falecía en Vigo Victoriano Taibo, “poeta da Fala, que tanto agarimo, dedicación, entusiasmo e ben facer lles dedicou á nosa lingua e á nosa literatura”, sinala Miguel Anxo Mouriño, membro do IEM. Será este venres, 18, as 20.30 horas na sede do IEM, aula Ponte de Rosas, en avda da Feira, 10, baixo de Gondomar. O Instituto de Estudos Miñoráns convída ao acto conmemorativo desta efeméride.

O IEM, ademais, dará noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita, Contos Pequenos. Trátase dun opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal, cun motivo entrañable. A familia do oftalmólogo e a pedagoga decidira ter como lingua doméstica o galego, pero atopábanse con que non había material para que os nenos aprendesen adecuadamente. E Taibo, amigo, mestre e escritor, quixo pór á súa disposición un anaco dese material en forma de contos populares sublimados pola súa pluma, coidadosamente manuscritos e encadernados, con debuxos dun seu amigo chamado Rial.

Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo. Este acto que pretende ser, tamén, reivindicativo da concesión dun Día das Letras Galegas a un ilustre académico, lingüista, narrador e poeta, o único da tétrade das Irmandades da Fala (Cabanillas, Noriega Varela, López Abente e Taibo) que non obtivo tal distinción.

No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada