O Plan de Modernización e Consolidación do polígono de Balaídos no período 2014-2020 ten un presuposto de preto de 50 millóns de euros

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria reuniuse coa delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, quen lle entregou o documento que deberá ser agora analizado pola Consellería.

 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria reuniuse coa delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, quen lle entregou o documento que deberá ser agora analizado pola Consellería.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá coa delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, quen lle entregou o Plan de consolidación e modernización do Polígono de Balaídos. No encontro, no que tamén participaron a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, Conde sinalou que este proxecto vai permitir que Zona Franca acometa as obras para modernizar o parque empresarial, e que polo tanto se poidan abordar a construción da furgoneta K9 en Vigo e os diferentes investimentos das industrias de compoñentes vinculados a este proxecto, que suman preto de 2.000 millóns de euros, así como optar aos novos modelos.

Conde explicou que unha vez recibido o proxecto, trala entrada en vigor da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese onte mesmo, este será analizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que fará un primeiro informe que estableza a urxencia e o excepcional interese do mesmo, e daralle traslado ao Concello de Vigo. Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Francisco Conde recompilará todos os informes pertinentes, que se elevarán á Comisión Superior de Urbanismo.

O conselleiro sinalou que a Xunta está a dar unha resposta áxil, inmediata e que achega seguridade xurídica aos investimentos previstos. Apuntou ademais o conselleiro que se trata dunha iniciativa que garante a autonomía municipal, sendo preceptivo e vinculante o informe do Concello de Vigo. Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que se espera a colaboración de todas as administracións para a consecución do proxecto.

Pola súa banda, a delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, apuntou que os investimentos totais do Plan de Modernización e Consolidación do polígono no período 2014-2020 teñen un presuposto de preto de 50 millóns de euros. Asemade, Pedrosa agradeceu a colaboración tanto da Xunta como da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo.

No encontro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que se prevé que todos os trámites poidan estar cumprimentados ao longo do mes de xuño, para a partir de aí trasladalo á aprobación do Consello da Xunta e que se poidan xa iniciar as obras.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada