Montse Dopico lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro na gala dos XX Premios María Casares

A xornalista subirá ao escenario no transcorrer da gala preparada por Chévere para os galardóns do teatro o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña

Dopico, quen ofrecerá un manifesto crítico que cuestiona a actitude e o labor das  actuais institucións, considera ademais que “o teatro, ao igual que o xornalismo, precisa de crítica e tamén de autocrítica”

Dopico, quen ofrecerá un manifesto crítico que cuestiona a actitude e o labor das actuais institucións, considera ademais que “o teatro, ao igual que o xornalismo, precisa de crítica e tamén de autocrítica”

A xornalista Montse Dopico será a encargada  de redactar e ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XX Premios María Casares. Deste xeito, Dopico subirá o próximo mércores 30 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto, tal e como en edicións anteriores fixeron o crítico Camilo Franco, o historiador Ramón Villares –presidente do Consello da Cultura Galega-, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín -ex presidente da Real Academia Galega- ou o poeta Cesáreo Sánchez -presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG)-.  O último en encargarse de ler o Manifesto foi o escritor Xurxo Borrazás.

Montse Dopico agradécelle á Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos María Casares, a encarga de realizar o manifesto, o cal considera unha “auténtica honra”. En palabras da xornalista, o seu Manifesto xira ao redor de dúas ideas. “A primeira delas céntrase no papel das institucións. En demasiadas ocasións, ao referirnos ao teatro ou a cultura estamos a falar das institucións, coma se fosen elas quen fixeran cultura. A cultura pertence á base social. E iso non quere dicir que non debamos esixirlles ás administracións que cumpran co seu deber”, sinala Dopico. Por outra banda, a autora do texto tamén manda unha mensaxe ao sector de cara ao futuro. “Ao igual que no xornalismo, no teatro fai falla crítica, mais tamén autocrítica”, explica a xornalista antes de concluír que

No Manifesto, que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) tamén fai público hoxe, Dopico principia cuestionando a relación actual entre o sector e as institucións públicas. “Cultura así, con maiúsculas, non é unha consellería. Unha dirección xeral. Non é unha non política, nin unha retallada do 70% nos xa cativos apoios que deberían servir para que unha entrada nun espectáculo non fose só un luxo exclusivo para os ricos”, sentencia o texto. Ademais, Dopico pídelle non só resistencia ao teatro, senón tamén afouteza. “O teatro tampouco poderá capear a treboada se ten medo. Se dimite e, entre lamentos, se retira ante as ameazas”, destaca a xornalista.

O Manifesto será lido o próximo 30 de marzo durante a gala duns XX Premios María Casares nos que un total de 14 espectáculos compiten nas 14 categorías. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, con nove nominacións; Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, con sete nominacións, e Presidente, de Teatro do Morcego, con cinco, son as obras favoritas nesta edición cuxa cerimonia de entrega será conducida por Chévere e na que a Revista Galega do Teatro recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.

Os premios do teatro contan coa colaboración de diversas institucións e entidades que, co seu apoio, demostran a relevancia cultural e social do teatro.  A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña ou o Centro Dramático Galego son algúns dos patrocinadores duns premios cuxa gala será retransmitida pola TVG.

Perfil de Montse Dopico

 Montse Dopico (A Pontenova, Lugo, 1977) converteuse nos últimos anos nunha das xornalistas culturais de referencia, cuxo traballo abrangue a difusión, a análise e a crítica do conxunto das manifestacións culturais e artísticas. Malia a amplitude do seu traballo, a súa traxectoria achegouse principalmente aos eidos do teatro, da literatura e mais do pensamento e das correntes de xénero.

A súa carreira profesional iniciouse ao redor do ano 2000, traballando brevemente nas redaccións de La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou El Progreso de Lugo. Mais foi a partir do seu traballo no desaparecido Galicia Hoxe, onde exerceu durante catro anos, cando encamiñou as súas preocupacións xornalísticas ao redor da cultura.

Tras o peche da cacebeceira, Montse Dopico iniciou unha ampla carreira de fondo como freelance, iniciando colaboracións en medios en galego como Praza Pública ou en xornais como El Mundo, El País Galicia ou Faro de Vigo. Nesta medio, publicou durante anos no suplemento Faro da Cultura. Dende setembro de 2015, Dopico encárgase da coordinación da revista Luzes.

O seu traballo mereceu en 2015 o premio á Mellor Traxectoria Cultural outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración co Colexio Oficial de Xornalistas. Ao longo dos últimos anos, ademais, ten formado parte dos xurados de importantes galardóns, como son o Premio Xerais de 2014 ou os Premios da Crítica na súa modalidade de Artes Escénicas.

MANIFESTO

Existe o teatro galego?

Cultura, así, con maiúsculas, non é unha consellería. Unha dirección xeral. Non é unha non política. Nin unha retallada do 70% nos xa cativos apoios que deberían servir para que unha entrada nun espectáculo non fose só un luxo exclusivo para ricos. Non é asentir e non facer, mesmo escoitando. Non é ignorar a realidade de tantos e tantas profesionais que están a verse obrigados a marchar, outra vez, ou a volver ás prácticas do tempo do amateurismo.

Se algo sostivo -e sostén- a cultura en Galicia, e o teatro como parte dela, non foi -con honrosas e escasas excepcións- o paternalismo dunhas institucións que nin sabían, nin moitas veces contestaban. Foi o empeño persoal, e colectivo, de todos os creadores e creadoras que non só resistiron, senón que actuaron. E que actúan. Que fan, refán, reiventan. Malia a precariedade. Malia a censura. Titeriteiros, titeriteiras, todos.

Todas as que dixeron non ás sentenzas de derrubamento por esgotamento. Aos intentos de desafiuzar un oficio que precedeu e vai sobrevivir aos que tentaron desmantelalo co seu desprezo. A cultura non existe, nin existiría, sen eles e sen elas. Sen a base que a sustenta. Desde antes de que se comezase a apelar ao sistema que os integra. Desde antes mesmo de poñerlle nome ao galeguismo, de comezar a reivindicar a lingua como cerne da creación. A cultura propia.

O teatro galego non existe se se reduce ás maiúsculas. Porque sempre se escribiu, e se escribe, coas letras de abaixo. E malamente poderá pervivir xa non só no medio da non política de navalladas aos orzamentos culturais, senón na trampa dunhas axudas que parecen concibidas para fomentar a dependencia. Dos avatares políticos. Dos cambios -e ausencias- de quen encabeza as institucións. De vontades alleas ás artes escénicas, non representadas onde se toman realmente as decisións. Para logo producir, como se pode, e non poder nin distribuír, cunha rede de teatros asfixiada.

Mais o teatro tampouco poderá capear a treboada se ten medo. Se dimite e, entre lamentos, se retira ante as ameazas. Se rexeita, xa de primeiras, a procura doutras fórmulas de relacionamento coa administración. Se non procura o xeito de renovar o seu encontro co público e se renuncia ao contraste con públicos máis afastados. Se teme a crítica, e en especial a foránea. Se cede ante a presión do desemprego e acepta mutilar os dereitos laborais. Se abandona a protesta polo que é seu.

Se non supera dinámicas de acomodamento nas que algunhas compañías e profesionais tamén caeron co desenvolvemento do teatro institucional. Se entra no xogo da política de pasillos, reverso do divide e vencerás. Se non comprende os novos xeitos e canles de promoción. Se non se esixe, a si mesmo, a excelencia profesional debida, malia as dificultades. Para que a experiencia de quen mira sexa, sempre, verdade.

Mais nada fará máis forte o teatro que cumprir a encomenda de Bertolt Brecht, estensiva a toda a cultura, e tamén ao xornalismo. Axudar a que as persoas “coñezan en número suficiente a causa dos seus sufrimentos e dos seus perigos, saiban como suceden as cousas e que métodos adoptaren para eliminar os seus verdugos”. Transmitir este saber “ao número máis grande de xente posible”. Ser socialmente útiles. Vivir, sempre, do lado das letras minúsculas. Que é o seu. Ou, como dicía Ana Vallés arredor da última obra de Matarile, ir á procura do que sae por fóra, do que altera. Do que nos conduce a outras miradas. Á transformación da realidade. Ou polo menos á busca da beleza, entendida non como o contrario da fealdade, senón da indiferenza

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada