Publícase a orde de subvencións para entidades locais e de acción voluntaria que permitirá a execución de 160 proxectos de voluntariado en 2016 con 800 persoas implicadas

servicios socialesMañá luns 28 de marzo sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de marzo de 2016 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e procederase á súa convocatoria para o ano 2016. O programa Servizo de Voluntariado Xuvenil é un programa de educación non formal pioneiro en toda España que se inspira no Servizo Europeo de Voluntariado.

 

O programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia a mozos e mozas galegos de entre 16 e 30 anos para a súa colaboración como voluntarios na realización dos proxectos das entidades ao abeiro da orde anual de convocatoria. As áreas -prioritarias, pero non excluíntes- nas que se poden desenvolver os proxectos serán actividades relacionadas co Camiño de Santiago; actividades de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; actividades con colectivos en situación de risco; actividades xuvenís; actividades ambientais; actividades relacionadas coa igualdade de xénero; e posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

 

Serán beneficiarias da Orde as entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, se ben tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

 

O número máximo de mozos e mozas voluntarios por proxecto é de 8, a non ser en caso dunha agrupación de municipios, en cuxo caso pode haber ata 20 voluntarios. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participaran neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado de experiencias voluntarias, que será depositado no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

 

A principal novidade da convocatoria deste ano é que as persoas voluntarias que xa colaboraran en anteriores anos poderán repetir a súa participación nos proxectos de acción voluntaria que se leven a cabo neste ano e que se desenvolverán entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2016.

 

1,5 millóns para o Servizo de Voluntariado Xuvenil
Desde o ano 2011 a Xunta de Galicia investiu neste programa máis dun millón e medio de euros, que permitiu que preto de 2.500 mozos voluntarios desenvolveran 422 proxectos de acción voluntaria de entidades e concellos. En 2016 prevense como beneficiarias das axudas 100 entidades de acción voluntaria e 60 entidades locais, que suporían un total de 160 proxectos de voluntariado executados por aproximadamente 800 persoas voluntarias.

 

Neste ano 2016 vense de incrementar o orzamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en materia de axudas nun 5% con respecto ao ano anterior, ao recuperarse a orde de subvencións para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, que tan só irá destinada a entidades de acción voluntaria de carácter privado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada