A nova liña de axudas para a mellora dos arquivos destina 77.740 euros á organización e dixitalización de fondos documentais

O arquivo de Galicia na Cidade da Cultura.

O arquivo de Galicia na Cidade da Cultura.

A nova liña de subvencións da Consellería de Cultura e Educación para a mellora dos arquivos de Galicia destina un total de 77.740 euros á realización de actividades de organización dos fondos documentais e á dixitalización de patrimonio documental. A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida a universidades, entes locais e entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.

Para que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, é preciso que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes. Con este fin, as liñas de actuación obxecto destas axudas abranguen, por unha banda, a organización de fondos documentais dos arquivos galegos e o seu tratamento arquivístico, e, por outra, a dixitalización do patrimonio documental custodiado en arquivos –de actas de Pleno custodiadas nos arquivos municipais, no caso dos entes locais, e de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia no caso dos arquivos universitarios e de entidades privadas sen ánimo de lucro.

Garantir a conservación e ao acceso ao patrimonio documental

Con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura colabora no financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia para garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian, cun máximo dun 80 % do investimento total do custo dos proxectos. No caso dos proxectos de organización de fondos a axuda máxima será de 5.000 euros e no dos proxectos de dixitalización, de 2.000 euros.

O prazo para a presentación de solicitudes está aberto desde mañá, 7 de abril, ata o vindeiro día 6 de maio. As bases que regulan as subvencións poden consultarse en este enlace.

No convocatoria de bolsas para a formación en arquivos

Ademais de favorecer a mellora dos arquivos de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de bolsas de formación en materia de arquivos correspondente ao programa de 2016, cun total de 20 prazas, destinadas a licenciados universitarios –ou titulación equivalente– con formación en historia e/ou arquivística, para a realización de actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se levan a cabo no ámbito dos arquivos e dos seus fondos documentais.

Esta formación desenvolverase durante seis meses, prorrogable outros seis, nos arquivos a que sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

Facilitar a inserción no mundo laboral

Con esta nova convocatoria, dotada en 2016 con 107.406 euros e que pode consultarse, ofrécese unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúe a completar o currículo académico dos bolseiros e bolseiras nas técnicas e aptitudes necesarias que faciliten a súa inserción no mundo laboral, cun contacto directo co labor dos arquivos. Ao mesmo tempo, axudan na conservación, protección, promoción e difusión dos arquivos galegos.

A formación dos bolseiros en 2015 estivo centrada na colaboración no censo-guía dos arquivos de Galicia (376 arquivos censados); na organización dos arquivos municipais de Dodro, Porto do Son, Muíños, Lobeira e do Barco de Valdeorras; na informatización de inventarios documentais; e na descrición de fondos documentais nos arquivos galegos (14.289 rexistros introducidos en bases de datos documentais).

En convenio coas universidades galegas, os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia tamén colaboran na formación práctica dos alumnos de grao de determinadas especialidades, principalmente de Arquivística, Historia e Patrimonio Documental. No ano 2015 realizaron prácticas nos arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación un total de 14 alumnos e alumnas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada