O novo centro de I+D+i da bergondesa Genesal Energy, exemplo da innovación industrial

Francisco Conde salientou hoxe o novo Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída da empresa bergondesa Genesal Energy como exemplo da innovación industrial.

Francisco Conde salientou hoxe o novo Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída da empresa bergondesa Genesal Energy como exemplo da innovación industrial.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o novo Centro Tecnolóxico de Enerxía Distribuída da empresa bergondesa Genesal Energy como exemplo da innovación industrial pola que están a apostar as pemes galegas para fixar a súa actividade en Galicia e crear emprego. Conde visitou estas instalacións de I+D+i, postas en marcha pola empresa para canalizar o seu investimento innovador e mellorar a súa competitividade, e apuntou que o centro responde a unha vocación de compañía punteira coa que a empresa naceu fai 21 anos.

“Desde a súa creación a empresa tivo como obxectivo clave crecer de forma sostible, facendo do desenvolvemento tecnolóxico o seu elemento diferenciador”, dixo o conselleiro, que subliñou que con estas novas instalacións a empresa terá a capacidade de xerar coñecemento tanto a nivel interno da empresa, como a nivel externo.

Conde resaltou que o liderado da compañía a nivel nacional no sector dos grupos electróxenos se debe en boa parte ao seu pulo innovador, recoñecido recentemente cun premio que recibiu da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia a un dos seus proxectos de I+D+i. Este recoñecemento, sinalou, obtido só un mes despois de gañar o premio RSE da Xunta no ámbito ambiental, é síntoma dun traballo de vangarda que ten levado á empresa a contar con clientes de primeira liña, facturar preto de 15 millóns e xerar 50 empregos directos de calidade.

O conselleiro apuntou que a bergondesa subministra a enerxía de emerxencia a importantes instalacións como a Central Nuclear de Cofrentes en Valencia, e traballa para infraestruturas críticas galegas como o aeroporto da Coruña ou o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ademais, a súa capacidade innovadora lle ten permitido incluso instalar equipos portátiles preparados para funcionar en condicións extremas de -20 graos en Finlandia.

Neste senso, Conde destacou que a empresa ten aproveitado ese pulo innovador para crecer no exterior, exportando o 65% da súa produción a máis de 30 países repartidos por 4 continentes, e con delegacións en Perú, Panamá, México e Dubai. En 2015, a compañía ampliou os seus mercados estendéndose a Oriente Medio, apoiada nunha xestión exportadora que vén de obter premios a esa presenza internacional como Somos Empresa e PEME Internacionalización, e que lle permitiu elevar o peso das exportacións na súa facturación do 30% ao 65% en poucos anos.

Conde apuntou que grazas a esa xestión Genesal Energy está sumando ao récord exportador que está a experimentar Galicia, que bateu en 2015 todas as súas marcas no que respecta as súas vendas ao exterior. E resaltou que ese traballo continuará no futuro, xa que “a empresa está sabendo facer un servizo integral aos seus clientes, non só para o abastecemento dos diferentes equipos, senón incluso tamén o propio mantemento e a certificación dos seus produtos”, converténdose, subliñou, “nun referente non só a nivel español, senón internacional”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada