Rodríguez Miranda e Pereira Carneiro clausuran o primeiro cumio luso-galaico ‘Proxecto Eurocidade 2016′

“As nosas mulleres, na súa maioría, desenvolveron o papel máis ingrato pero o máis efectivo na salvagarda da esencia da galeguidade: transmitírona a fillos e netos”, dixo Miranda

O secretario De Estado das Comunidades Portuguesas, Xosé Luis Carneiro, dirixese aos congresistas de Eurocidades, na Eprami, en Monçâo.

O secretario De Estado das Comunidades Portuguesas, Xosé Luis Carneiro, dirixese aos congresistas de Eurocidades, na Eprami, en Monçâo.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo secretario de Estado de Comunidades Portuguesas do Goberno do país veciño, José Luís Pereira Carneiro, clausuran esta tarde en Salvaterra do Miño o I Cumio Luso Galaico “Proxecto Eurocidade 2016”.

O evento inaugúrano os rexedores das dúas localidades que forman parte do proxecto, o alcalde do Concello de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, e o presidente da Cámara Municipal de Monção, Augusto Domingues. Asemade, e en torno a respectivos paneis, participan diversas e destacadas personalidades dos ámbitos universitario, artístico e socio económico.

Este primeiro cumio transfronteirizo destas dúas localidades desenvólvese baixo o lema “Expresións de cidadanía en feminino nun mundo de igualdade sen fronteiras” e intenta, segundo os organizadores, “reforzar identidades e solidificar as relacións culturais e de cidadanía entre as dúas rexións”. A temática versa en torno á igualdade de xénero, a emigración e as mulleres na arte e na historia ó longo dos anos.

Muller e diáspora galega

O secretario xeral da Emigración centrou a súa alocución en reivindicar o que “case ninguén recorda, ou sequera imaxina: o íntimo, calado, abnegado, terrible inferno cotián das mulleres emigrantes, ou das mulleres dos emigrantes. Elas soas, sen apoio de ninguén, sacaban adiante esa intrahistoria cotiá de milleiros de familias nunha Galicia, interior e exterior, asolagada pola miseria, que nada tiña que ver coa que agora coñecemos e gozamos. Delas, desas heroínas anónimas perdidas nas páxinas marxinais do pasado, é hora de lembrarnos”, segundo afirmou Rodríguez Miranda na clausura do evento.

O máximo mandatario autonómico en materia de Emigración tamén asegurou que “a vivenda, o universo no que a Galeguidade agromou en segundas e terceiras xeracións; o fogar, onde Galicia seguía viva nos costumes, na fala, no calendario, nas festas; a casa, o único lugar onde o emigrante podía dar renda solta á súa idiosincrasia; a familia, o cosmos onde o sentimento de pertenza a unha terra ten sentido… Pois ben, a vivenda, o fogar, a casa, a familia, estaban en mans das mulleres. Estiver esta casa na Galicia territorial ou, nos contados casos en que a dona acompañaba ao home na diáspora, en calquera lugar do mundo”.

Neste mesmo senso, Miranda lembra que no Plan Integral de Emigración 2014-2016 redactado polo seu departamento si estaba xa recollido literalmente este recoñecemento: “A representación dos intereses dos emigrantes galegos converteuse [historicamente] nunha cousa de homes, e as nosas mulleres, na súa maioría, desenvolveron o papel máis ingrato pero o máis efectivo na salvagarda da esencia da galeguidade: transmitírona a fillos e netos. Eses fillos e netos que nos demandan o seu lugar no seo da Galeguidade porque, como eles mesmos manifestan, aprendérona das súas nais e avoas”, segundo reza o texto oficial do devandito documento, como lembra Rodríguez Miranda.

Paneis

Ademais das autoridades locais, galega e nacional portuguesa, na xornada están presentes profesores da universidade de Porto e destacadas activistas do movemento pola igualdade, en Galicia e Portugal, nos ámbitos artístico, educativo e socio sanitario. Os dous paneis sobre os que pivota este primeiro cumio son a “Interacción entre xéneros na literatura, historia e arte”, e “Eurocidades: Por unha cultura da igualdade”.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada