Miguel Scs Bjones, saxofonista: “Nun principio ninguén pensou que podería ser unha profesión, mais eu perseguín este soño desde pequeno”

Na programación da Festa da Lamprea de Arbo, o sábado, 23 de abril, ás 21.00 horas

Miguel Sucasas Bujones, saxofonista, actúa na Festa da Lamprea de Arbo.

Miguel Sucasas Bujones, saxofonista, actúa na Festa da Lamprea de Arbo.

Miguel Sucasas Bujones, artisticamente Scs Bjones, é un mozo galego -25 anos recén cumpridos- que agora lidera o  Miguel Sucasas Jazz Quartet. Todos os músicos teñen máis idade pero el é o que manda. Estoudou en Porto e Lisboa e agora está en Holanda, na Haia. Non para de viaxar concerto tras concerto. A súa materia pendente é vivir en Nova York. Polo facebook enviámoslle o cuestionario desta entrevista o que, entre concerto e concerto, agradecémolo, tivo tempo de contestar. É un profesional coma a copa dun pino e poderemos escoitalo en Arbo, na programación da Festa da Lamprea, o sábado, 23 de abril, ás 21.00 horas, no auditorio, sacar os mellores sons do seu saxo. Despois seguirá un días máis con concertos noutros municipios galegos. ¡Viva o jazz de Scs Bjones!

 

¿Lembra vostede o primeiro trato que tivo cun instrumento e que deixou na súa memoria?

A primeira vez que tive un instrumento nas miñas mans foi aos seis anos. Daquelas estaba moi emocionado coa idea de facer música, polo que os meus pais me inscribiron en clases de música galega. Comecei cunha frauta como preparación para a gaita. Despois duns meses o mestre insistiu en que tiña que ir ao conservatorio, porque tocaba as melodias demasiado rápido para as persoas que ían camiñando na procesión. Aos sete anos o saxofón chegou as miñas mans, e nunca máis as deixou.

 

Vostede ten ademais de Reboreda (Redondela) onde naceu, Arbo como lugares onde se criou. ¿Por que elixiu o saxo como instrumento?  ¿Quizais polo conservatorio redondelán….?

O conservatorio de Redondela foi claramente o factor que fixo que escollese o saxo como instrumento principal. A miña idea era tocar o piano, pero a agarimosa acollida que tiven pola comunidade saxofonística do conservatorio fíxome cambiar de idea. Hoxe en día non me arrepinto da escolla.

 Vostede estudou en Lisboa e agora está en Holanda. ¿Cómpre saír de Galicia, de España, para estudar música o para que o valoren logo de volta?

A decisión de estudar fóra foi unha cuestión de proximidade. Aínda existen poucas escolas superiores de Jazz en España, e a máis próxima á miña casa era a Escola Superior de Música e Artes do Espectaculo de Porto. No segundo ano de estudos tive a oportunidade de facer un intercambio coa escola da capital portuguesa. O nivel cultural de Lisboa é de tal atractivo que decidín finalizar nesta cidade os meus estudios. Alí tive a oportunidade de coñecer o director do European Saxophone Ensemble, que me convidou a tocar durante un ano por toda Europa. Despois destas experiencias e visitar máis de vinte paises diferentes, sentía que tiña que continuar a viaxe. O mundo cada día que pasa paréceme un lugar máis pequeno, e os aeroportos comezan a parecer unha parte máis da miña casa. O seguinte paso que quero dar antes de volver á miña terra é vivir uns tempos en Nova Iorque.

Non estou buscando ser valorado por ir fóra, mais estou indagando nun estilo de música que aínda non ten raíces suficientes na nosa terra.

Unha noite de concerto na Haia.

Unha noite de concerto na Haia.

¿Qué cambiaria no ensino da música en España?

Engadiría o ensino de máis variedades de xéneros musicais nos conservatorios profesionais e superiores. En moitos paises como Portugal, Holanda e Bélxica, é común o ensino de Jazz, Pop, World Music, Música Latina e Rock entre outros como materia principal de estudos. En España isto está visto case como unha opción non dexesable para os músicos, como unha perturbación ao ensino. Penso que é preciso tamén un forte investimento en cultura. Promover os festivais e concertos para crear unha bagaxe e pouso cultural nos ouvintes. Espero poder contribuír cos meus concertos a construír esta base para os futuros artistas galegos.

 ¿Os seus pais sempre comprenderon e axudaron a súa vocación musical? ¿Que tanto por cento teñen nela?

Podo dicir que son unha persoa moi afortunada. Na miña familia máis próxima, non coñezo ningún músico, mais desde que comecei coa música a temperá idade sempre contei co apoio incondicional de toda a familia por estudar música. Lémbrome das últimas palabras do meu avó: “Que ben toca ese saxofonista”. Podo dicir que nun principio ninguén pensou que podería ser unha profesión, mais eu perseguín este soño desde pequeno, tendo incluso algunhas discusión familiares por isto. O meu soño guioume ata o día de hoxe, e podo dicir que sen os meus pais e a miña familia isto non sería hoxe máis que un soño non completado.

Vostede combina estudos musicais con numerosos concertos como o que teremos en Arbo e noutros puntos de Galicia. ¿Por que? ¿Aprender ou gañar uns cartos?

A performance é parte da aprendizaxe como artista. Como coloquialmente se acostuma a dicir, un músico precisa de “moitas taboas” para converterse nun bo artista. Por un lado é unha experiencia necesaria para a aprendizaxe e, polo outro, é o traballo do músico que proporciona non só cartos mais unha satisfación persoal incomparable.

Concerto en Cerdeña.

Concerto en Cerdeña.

O Jazz é un xénero minoritario. En Galicia, ¿hay afección ao jazz?

Podemos decir que o Jazz é un xénero de música minoritario en Galicia. Outros paises como Holanda ou Portugal teñen unha afección ao Jazz que prolóngase desde hai máis de 80 anos de festivais e de convidar artistas extranxeiros como Louis Armstrong, Ella Fitzgerald ou Dizzy Gillespie. Diría que en Galicia, grazas a algúns músicos como Abe Rábade ou Paco Charlin que levan o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, comeza a florecer unha certa afección ao Jazz. Eu estimo que levará uns anos, mais non perdo a esperanza en que este xénero de música chegará a ser apreciado por maior número de persoas.

Fálenos dos músicos que o acompañan nese cuarteto, Miguel Sucasas Jazz Quartet

Os excepcionais músicos que me acompañan veñen directos da terra do Jazz. Un factor común a todos eles é a igrexa e o Gospel. Desde moi temperá idade aprenderon os cantos espirituais e a música da igrexa americana, o que caracteriza a enerxía e intensidade que poñen na súa música.

O batería Owen Hart Jr é orixinario de Florida. Durante uns anos viviu en Nova Iorque ata que tivo a oportunidade de mudarse a Holanda, a exercer de profesor de batería na Escola Superior de Jazz de Groningen. Coñecémonos nun concerto na Haia, desde o primeiro momento que o escoitei tocar souben que este batería tiña algo diferente aos outros. Despois descubrín a súa historia, e viría a converterse no batería do meu cuarteto.

Ryan Hanseler, o pianista. Coñecémonos nunha Jam Session en Amsterdam. Deuse a casualidade de que tivemos que tocar unha peza xuntos, e conectamos desde o primeiro instante. Desde aquel día pasamos a tocar xuntos regularmente. Foi alumno de Joey Calderazzo, un dos máis prestixiosos pianistas de Jazz americanos. Ryan é orixinario de Carolina do Norte. Foi profesor na universidade de Jazz de Carolina do Leste durante catro anos. Mudouse a Holanda por motivos familiares.

Pierre Dunker, o contrabaixista. Naceu en Curaçao, a illa holandesa do Caribe. Este músico trae consigo unha grande bagaxe dos ritmos caribeños, e non só. Durante moitos anos tocou con numerosos músicos cubanos e latinoamericanos. O seu xénero preferido sempre foi o Jazz, mais ten un enfoque da música moi amplo, que vai moito máis alá dun só estilo.

cuarteto, Miguel Sucasas Jazz Quartet. De esquerda a dereita: Miguel Scs Bjones, Owen Hart Jr, Ryan Hanseler, Pierre Dunker.

cuarteto, Miguel Sucasas Jazz Quartet. De esquerda a dereita: Miguel Scs Bjones,
Owen Hart Jr, Ryan Hanseler, Pierre Dunker.

¿Cal é o seu ídolo no mundo musical? ¿A quen lle gustaría parecerse?

Non teño un só idolo musical, pero se teño que nomear alguns serían Charlie Parker, John Coltrane, Sonny Stitt, Miles Davis, Wayne Shorter. Estes músicos entre moitos outros dedicaron a sua vida a música, elaborándoa, construíndoa e desconsrtuíndoa para encontrar a maneira de se expresar con ela. Gustaríame chegar aos oitenta anos (cousa que case ningún destes músicos fixo) e poder ver para atrás, e ter a satisfaccion de que acompañei e fun acompañado pola música toda a miña vida, guiándoa e deixandome guiar por ela.

Nas súas numerosas xiras por Europa seguramente poderia comprobar como valoran a música. Ao seu xuizo, ¿que país e por que cre que dá máis importancia á música?

Podo ver que nos países máis desenvolvidos economicamente como Suíza, Holanda ou Copenague hai un maior investimento en Cultura, e é máis fácil ser recoñecido como artista. Isto non é unha regra xeral e non implica que nestes países as persoas sexan mais creativas. Teño comprobado que países con situacións economicas máis fráxiles como Grecia, Portugal, España ou Italia son fervedoiros de bos artistas e a situación para os artistas nestes países é moito peor. Unha das diferenzas máis grandes a nivel de inspiración diría que pode ser o clima, dado que nos paises do norte o sol só aparece unha vez cada tres meses entre as nubes.

 Tocar na súa terra espertará en vostede milleiros de emocións e sentimentos. ¿Cales?

Síntome privilexiado por ter a oportunidade de tocar na casa, de traer os froitos das viaxes e de tantas experiencias á miña terra. Síntome algo nervioso por traer algo novo a terra onde crecín, porque implica cambios na miña vida e exporme a min mesmo ás persoas que me coñecen desde que nacín.
Sinto rexeitamento ou falta de apoio por algunhas persoas, pero fai parte de querer facer algo novo. Para viño novo fan falta odres novos. Sen dúbida estou moi agradecido por toda a colaboración co Concello de Arbo, a Fundación Segundo Gil Dávila e o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Argumento/s para convencer ao público a que acuda o sábado 23 de abril, a escoitar a Miguel Sucasas Jazz Quartet, ás 21 horas, ao concerto no auditorio de Arbo.

A música que traemos vai tocar todas as fibras dos ouvintes, é unha música que fai mexer os pés e crea a vontade de triscar os dedos co ritmo do swing.

É música para todos os ouvintes. Non é preciso ser un experto ou un erudito para sentir o ritmo ou “groove” que traemos.

Ten un forte sentimento espiritual, cargada de ritmos que veñen desde África ata o Caribe.
Se queren pasar un bo rato, desconectar e deixarse levar pola música, esta é unha oportunidade única.

 

OUTRAS ACTUACIONS DE Miguel Sucasas Jazz Quartet

22 de abril: Café Savoy Pontevedra 23h

23 de Abril: Auditorio de Arbo 21h

26 de Abril: A Casa de Arriba – Vigo 21h

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada