A Xunta publicará no DOG a convocatoria pública do concurso de ideas para o proxecto de reconversión do antigo Hospital Xeral na Cidade da Xustiza de Vigo

Destacou que esta nova infraestrutura vai ter un impacto social e económico moi positivo para os veciños e o comercio dun barrio céntrico da cidade como é Pizarro

CFV

O vicepresidente, Alfonso Rueda, informou dos avances deste proxecto durante o almorzo-coquio do Club Financeiro de Vigo.

A convocatoria pública do concurso de ideas para o proxecto arquitectónico de reconversión da torre do Xeral na Cidade da Xustiza será publicada mañá, martes, no Diario Oficial de Galicia, segundo informou hoxe o vicepresidente da Xunta.

O proxecto gañador do concurso de ideas da Cidade da Xustiza irase desenvolvendo baixo a supervisión dun comité de seguimento no que estarán representados todos os axentes implicados: xudicatura, fiscalía, avogacía, procuradores, representantes sindicais dos traballadores da xustiza, profesionais da arquitectura, Consello e Xunta.

Rueda destacou que con esta solución non haberá retrasos nos prazos previstos respecto ao proxecto que estaba en marcha no Chouzo e ademais suporá unha serie de vantaxes para a cidade. Por unha banda, serán 36.000 metros cadrados de superficie xudicial para Vigo, que son 10.000 máis que a suma dos xulgados existentes co edificio proxecto no Chouzo, o que supón resolver problemas de espazo actuais e outorgar marxe para o crecemento e a creación de novas unidades policiais.

Por outra banda, a concentración de todas as unidades xudiciais nunha infraestrutura vai permitir potenciar as vantaxes da nova oficina xudicial. Segundo explicou o vicepresidente, ese modelo baséase en que os xulgados do mesmo partido xudicial compartan o seu persoal a través de servizos comúns: un único servizo procesual ou un servizo de execución que dean servizo ao distintos xulgados. Hai que ter en conta que este modelo estará implantado en Galicia en pouco tempo, despois de que hai uns días o Consello Xeral do Poder Xudicial informase positivamente o proxecto de decreto da oficina xudicial que lle remitiu a Xunta.

Ademais, Alfonso Rueda tamén destacou que esta nova infraestrutura vai ter un impacto social e económico moi positivo para os veciños e o comercio dun barrio céntrico da cidade como é Pizarro. Suporá a recuperación dun edificio emblemático e unha mellora para os profesionais e usuarios da xustiza, como tamén o foi a posta en marcha no casco vello do novo edificio que alberga o Servizo Común de Notificacións e Embargos, despois dun investimento de case un millón de euros.

O vicepresidente tamén fixo repaso dos avances para a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, un proxecto que a día de hoxe está condicionado á ratificación de todos os plenos dos concellos membros e á adhesión do Concello de Vigo a ao acordo sobre o transporte metropolitano.

Alfonso Rueda incidiu en que tanto no proxecto da Cidade da Xustiza como na área metropolitana, a comunicación, o diálogo e o entendemento funcionan e son útiles para o futuro de Vigo, mentres que a discordia, a división e o enfrontamento non acadan nada para a cidadanía, polo que apelou ao espírito de consenso que presidiu estes dou procesos para a súa concreción final.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada