A balneoterapia axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor

Futuros médicos galegos afondan nas diferentes técnicas terapéuticas que existen na actualidade para tratar a pacientes con dor crónica

A balneoterapia é unha terapia non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor.

A balneoterapia é unha terapia non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor.

O tratamento da dor crónica a través da balneoterapia. Este é o tema que vai centrar unhas xornadas que esta fin de semana se celebran no balneario ourensán de Laias (no concello de Cenlle), no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán os beneficios da terapia termal á hora de abordar a estes pacientes.

A coordinadora das xornadas é a doutora especialista en hidroloxía médica Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a dor crónica, máis que un síntoma, é unha entidade médica que debe ter un enfoque terapéutico global, excluíndo aos pacientes oncolóxicos, que, debido á complexidade dos seus procesos, teñen un protocolo específico”. Nesta liña, os futuros médicos coñecerán as diferentes ferramentas terapéuticas que existen na actualidade para atender a estes pacientes e, ademais, en que momento é máis axeitado prescribir ou indicar cada unha delas.

Na atención ás persoas con dor crónica poden intervir diferentes profesionais médicos e sanitarios que axudan a paliar a dor, as crises e a mellorar a calidade de vida destas persoas. É o caso dos médicos de familia, os fisioterapeutas, os psicólogos clínicos e os facultativos expertos en hidroloxía médica.

Balneario ourensán de Laias, no concello de Cenlle.

Balneario ourensán de Laias, no concello de Cenlle.

A doutora Dolores Fernández destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que contribúe a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”. Así, a doutora lembra que estas persoas deben desenvolver a súa vida cun handicap engadido como é o de padecer dor de maneira continuada, o que dificulta a realización das súas tarefas e actividades cotiás.

XORNADAS PRÁCTICAS

As xornadas comezan mañá venres, 22 de abril, ás 16:30 horas. O doutor Tomás Marchena, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, centrarase na abordaxe dos pacientes con dor crónica dende o ámbito asistencial. De seguido, o psicólogo clínico Jorge García referirase aos aspectos psicolóxicos destes doentes. Para rematar a tarde, os asistentes terán a oportunidade de realizar unha sesión práctica no balneario co fin de achegarse ás técnicas de balneación que se aplican a este tipo de enfermos, acompañados das explicacións da fisoterapeuta María Fernanda Agras.

A xornada do sábado iniciarase ás 9:00 horas coa intervención da doutora Dolores Fernández Marcos. Explicará aos futuros médicos como se realiza a valoración de pacientes con dor crónica de orixe reumática tratados con técnicas e protocolos balneoterapéuticos. Logo o fisioterapeuta do balneario de Laias, Kamil Brezenzski, profundizará nas distintas técnicas que se poden aplicar a estes pacientes e desenvolverá cos alumnos unha sesión práctica. Pola tarde, entre as 15.30 e as 16.30 horas, os asistentes participarán nun coloquio.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada