Galicia incrementou os seus viaxeiros o pasado mes nun 22,7%, superando a cifra acadada en marzo no ano santo 2010

O turismo internacional incrementou nun 15,8% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 10,2% as súas pernoitas

TurismoSegundo os datos publicados no día de hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 22,7%, ata situarse preto dos 282.000. Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 26,7%, neste caso, contabilizándose preto de 545.000 no conxunto da comunidade.

Grazas a estes incrementos Galicia superou novamente o nivel do medio millón de noites desde o ano 2010 acadando o volume máis elevado dos últimos oito anos. En termos de viaxeiros aloxados, a nosa comunidade rexistrou neste ano o dato máis elevado desde o 2008 nun mes de marzo.

A nivel estatal observouse un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 21,1% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 21,4% no que atinxe ás pernoitas.

No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de marzo, Galicia rexistrou un comportamento homoxéneo, tanto o nacional coma o internacional contribuíron aos bos resultados acadados neste mes.

Subiu o turismo nacional, nun 29,9%, consecuencia esencialmente do crecemento da cifra de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia, do 24,1%, neste caso.

Pola súa parte, o turismo internacional incrementou nun 15,8% o volume da súa cifra de viaxeiros e nun 10,2% as súas pernoitas.

Debido a estes incrementos, ambos os segmentos de mercado acadaron neste ano o nivel de demanda máis elevado nun mes de marzo desde 2008.

Neste terceiro mes do ano o 89,8% da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis – que representaron o 73%- como ás pensións –co 16,8% neste caso-. O 10,2% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,7%-, aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 4,5% neste caso- e aos cámpings –que representaron neste mes de temporada baixa o 1,0% do total da demanda regrada-.

En canto ao incremento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos establecementos extrahoteleiros que dobraron o volume de pernoitas de marzo de 2015. No segmento hoteleiro observouse tamén un comportamento positivo con incrementos da demanda tanto nos hoteis –do 22,2%- coma nas pensións –do 19,0% neste caso-. No caso dos viaxeiros aloxados os incrementos sitúanse neste caso no 20,7% nos establecementos hoteleiros e no 52,0% nos extrahoteleiros.

En termos de ocupación, destaca a mellora rexistrada nos apartamentos turísticos que incrementan en 8,9 puntos porcentuais as súas cifras do pasado ano.

Primeiro trimestre do ano
No primeiro trimestre do ano, Galicia superou a cifra dos 620.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 16,5% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 18,0% neste caso, acadando a nosa comunidade máis de 1,16 millón de noites.

Estes incrementos permitiron que a nosa comunidade superase por vez primeira dende 2010 o nivel do millón de pernoitas nos tres primeiros meses dos anos e acadase o dato de viaxeiros máis elevado dende o 2008.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 15,6% mentres que as pernoitas incrementáronse un 14,7%.

Os dous principais segmentos de mercado mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 19,9% no tocante as pernoitas e un 17,3% no que atinxe aos viaxeiros e o turismo internacional nun 7,8% as súas pernoitas e nun 12,0% os seus viaxeiros.

En canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos apartamentos turísticos, nos establecementos de turismo rural e nos hoteis, do 74%, 38% e 16% respectivamente.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada