A Xunta presenta a orde que regula as axudas do Bono concilia que presenta un incremento orzamentario do 105%

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, explicou hoxe en rolda de prensa as novidades desta convocatoria

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, compareceu esta mañá en San Lázaro para dar conta da publicación no Diario Oficial de Galicia da orde que regulará as axudas económicas para a atención da primeira infancia nas escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, coa finalidade de ampliar a oferta de prazas sostidas con fondos públicos para nenos e nenas menores de tres anos.

Alí, a directora xeral salientou a importancia desta medida que “pretende chegar a moitas máis familias xa que este ano conta cun orzamento de preto de 3.500.000 euros, o que representa un incremento de máis do 100% con respecto ao orzamento do ano 2015”. “Con este pulo orzamentario acadaremos a eliminación da lista de agarda para a obtención de praza nunha escola infantil de 0 a 3 anos”, engadiu.

Na rolda de prensa, Amparo González informou que a axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pago do importe da praza nunha escola infantil non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses. A contía da axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, da xornada e dos servizos que se soliciten. Estas contías oscilarán entre 250 euros mensuais para a unha praza en réxime xornada completa con servizo de comedor para as rendas máis baixas, e 45 euros mensuais para as máis altas.

Segundo as verbas da directora Xeral, poderán ser beneficiarias das axudas do Bono concilia as familias, residentes en Galicia, con fillos e fillas de menores de 3 anos a 31 de decembro do presente ano que teñan solicitado praza nunha escola infantil sostida con fondos públicos para o curso 2016/2017 exercendo a opción do Bono concilia e estean nunha das situacións seguintes: quedar en lista de espera, obter praza pero que o horario demandado non coincida coa apertura da escola infantil, porque ambos proxenitores traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas; obter praza e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida; ou terse beneficiado da axuda do programa Cheque infantil no curso 2015-2016 e solicitar a súa renovación ao abeiro da orde do Bono concilia.

O prazo para a presentación de solicitudes de axuda é dun mes, comezando o 30 de abril e rematando o 30 de maio. Unha vez notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para presentar na xefatura territorial da Consellería de Política Social o xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou o neno e a declaración de ter percibido ou non outras axudas para este mesmo fin.

Principais novidades
Dentro das principais novidades da convocatoria deste ano destaca a posibilidade de concesión do Bono concilia ás persoas solicitantes que obtiveran unha praza pública e o horario demandado non coincide co de apertura da escola infantil porque ambos proxenitores traballan en quendas de tarde ou en quendas rotativas; a posibilidade de que aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas 0-3 sostidas con fondos públicos poidan presentar solicitudes fóra do prazo establecido nesta orde cando nelas se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade a finalización do dito prazo; así como a promoción do dereito á escolarización de irmáns ou irmás no mesmo centro xa que as familias que teñan un fillo ou filla que renova a axuda e á súa vez obteñan praza pública para un irmán (tendo marcada a opción do Bono concilia) daráselles directamente a posibilidade de optar ao dito bono para que poidan escolarizar a todos os fillos no mesmo centro.

Programa de apoio á natalidade
O Bono concilia presentado hoxe insírese nunha planificación ampla, o Programa de apoio á natalidade, que abrangue principalmente tres ámbitos: axudas, fomento da conciliación e servizos. O PAN recolle medidas inspiradas noutros países da UE (Francia, Noruega, Suecia ou Alemaña) que levaron a cabo con éxito políticas sociais de apoio ás familias.

Unha das medidas estrela deste programa é a Tarxeta Benvida, unha tarxeta moedeiro cargada con 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida dos nenos e nenas para que as familias poidan afrontar os gastos básicos dos seus fillos. Esta medida, subliñou a directora xeral, “xa está a ter o seu efecto na sociedade con preto de 4.000 solicitudes e 1.500 concesións”.

Cómpre destacar outras medidas de dinamización demográfica como as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos, o incremento das prazas na rede pública de escolas infantís, a posta en marcha das Casas Niño no rural aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión deste xoves, o bono coidado, ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada