A Xunta inaugura a exposición itinerante sobre Manuel María, no marco das celebracións do Día das Letras Galegas que este ano lle rende homenaxe ao autor chairego

A mostra, deseñada en colaboración coa Casa-Museo do poeta, arrancou hoxe na biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña, cidade onde o autor residiu os últimos anos da súa vida.

A mostra, deseñada en colaboración coa Casa-Museo do poeta, arrancou hoxe na biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña, cidade onde o autor residiu os últimos anos da súa vida.

O Goberno galego inaugura na Coruña a exposición itinerante sobre Manuel María, unha das actividades enmarcadas na programación do Día das Letras Galegas que este ano lle rende homenaxe ao autor chairego. A mostra, que foi deseñada en colaboración coa Casa-Museo do autor, percorrerá trece localidades das catro provincias ao longo deste ano.

“Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)” arrancou na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, nun acto ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; quen estivo acompañado da presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi; e do seu secretario, Alberte Ansede. Na apertura da exposición -que poderá visitarse neste espazo de lectura ata o día 16, véspera do Día das Letras- tamén participaron o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; entre outros.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación gabou a figura de Manuel María, de quen destacou a súa capacidade de “achegar a poesía ao pobo”, aínda que conta cunha prolífica obra que tamén abrangue o teatro e na que presta especial atención ao público infantil e xuvenil. Román Rodríguez quixo agradecer publicamente o labor desenvolvido pola Fundación Manuel María para facer realidade este proxecto que desde o Goberno galego se complementará cunha serie de actividades e recursos para o ensino e para o público en xeral. Finalmente, emprazou a toda a cidadanía a que se achegue ao punto de exposición que lle quede máis preto da súa localidade co fin de coñecer mellor a figura deste autor.

A evolución da súa obra a través de paneis informativos

A través de dez paneis e grazas ao material aportado pola Fundación que leva o seu nome e custodia o seu legado, a mostra recolle dun xeito ameno e gráfico a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Deste xeito, afonda en aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou.

Logo da súa estancia da Coruña, a exposición recalará o 17 de maio, Día das Letras Galegas, na terra natal do escritor, en Outeiro de Rei (Lugo). Despois percorrerá as cidades de Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova

Un amplo programa de actividades

Coa exposición de hoxe ábrese a programación especial neste mes das letras Galegas para renderlle tributo ao autor homenaxeado este ano. Cómpre salientar que a Xunta de Galicia -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- tamén poñerá en marcha outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.
Así mesmo, no web www.lingua.gal xa está dispoñible un repositorio con recursos e materias didácticos e dixitais sobre o autor homenaxeado que se irán completando de xeito paulatino e que se suman a outras actividades programadas na Rede de Dinamización Lingüística ou na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta, entre moitas outras que se darán a coñecer de xeito pormenorizado nas vindeiras semanas.

Traxectoria persoal e creativa de Manuel María

Manuel María naceu en Outeiro de Rei (Lugo), no ano 1929, no seu dunha familia labrega relativamente acomodada e nun contexto rural que marcou a súa traxectoria como escritor desde o primeiro momento, moi vinculado á terra e á lingua galega. De feito, foi o primeiro mozo en publicar un poemario en galego, “Muiñeiro de brétema”, despois da Guerra Civil.

O seu paso por Santiago durante o servizo militar serviulle para relacionarse con autores do talle de Otero Pedrayo, Bouza Brey ou o pintor Carlos Maside, entre outros. É precisamente na capital compostelá onde Manuel María entra en contacto co pensamento nacionalista de Castelao e co marxismo. E iso tamén se traduce na súa obra, que evoluciona da identificación coa terra e a natureza á identificación coa patria e co esforzo do pobo por tomar consciencia de si mesmo e emprega a escrita para unir a defensa da lingua galega coa defensa dun futuro digno para Galicia.

Logo duns convulsos anos 70, xa nos 80, na súa última etapa o autor retorna aos inicios intimistas. É precisamente aquí cando Manuel María se manifesta coma un autor en toda a súa plenitude, onde a poesía ocupa un lugar primordial, pero completada con outros xéneros literarios coma o teatro, a narrativa, o ensaio e as colaboracións xornalísticas

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada