Vázquez Almuiña salienta que a sanidade é a primeira prioridade para a Xunta, cun orzamento de máis do 40% do total

Segundo o Barómetro Sanitario, a maioría dos enquisados en Galicia (73,2%) cre que o sistema é bo ou bastante bo, por enriba da valoración global en España (62,7%)

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue o pasado 3 de maio, nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. CONCHI PAZ.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, doou sangue o pasado 3 de maio, nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. CONCHI PAZ.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe que a porcentaxe do orzamento destinado ao seu departamento supón máis do 40% do total da Xunta de Galicia, o mellor indicador de que, para o Goberno, o sistema sanitario público é “a primeira prioridade”.

No Pleno do Parlamento, destacou o incremento na actividade cirúrxica do Sergas nos últimos anos, con 185.272 intervencións en 2015 -case 17.000 máis que en 2009; a diminución na lista de espera para os pacientes con patoloxías máis graves, que agardan menos de 20 días para operarse; e o nivel óptimo no rendemento cirúrxico, que superou o 75%. Así mesmo, o número de consultas hospitalarias en xornada ordinaria realizadas en 2015 foi de 4.237.280, 460.000 máis que en 2009.

Tamén sinalou a modernización das infraestruturas sanitarias, co equipamento e posta en funcionamento dos novos hospitais de Lugo e Vigo; a continuación do Plan Director do Complexo Hospitalario da Coruña; e o inicio das ampliacións dos hospitais do Salnés e de Ourense.

Ademais, lembrou, estase traballando no futuro dos hospitais de Ferrol e Conxo e actuando en 36 centros de saúde, con outros 9 en construción e máis en proxecto. En 2016, observou Vázquez Almuiña, serán sete de cada dez galegos os que contarán na súa área de influencia cun centro sanitario novo ou renovado.

O conselleiro fixo tamén referencia ao fomento da participación dos cidadáns na xestión do sistema público de saúde de Galicia, coa constitución do Consello Galego de Pacientes, a creación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a publicación da Lei de Garantías e os decretos que a desenvolven; e á implantación da historia clínica electrónica e a e-receita.

Todo isto, considerou, leva a que segundo o Barómetro Sanitario a maioría dos enquisados en Galicia (73,2%) crea que o sistema é bo ou bastante bo, por enriba da valoración global en España (62,7%).

Medicina Nuclear en Lugo

Doutra banda, o conselleiro explicou que a Unidade de Medicina Nuclear do Hospital Universitario Lucus Augusti, adscrita ao Servizo de Radiodiagnóstico, se atopa actualmente en fase de apertura, pendente unicamente da concesión de autorización de funcionamento por parte do Consello de Seguridade Nuclear.

Actualmente, as instalacións están xa adaptadas, o equipamento necesario foi adquirido e o Plan Funcional da Unidade, con todos os seus procesos definitivos, está definido. “Tanto por parte do HULA, en particular, como do Servizo Galego de Saúde, en xeral, temos feito xa todos os trámites previos á posta en funcionamento da Unidade”, asegurou.

Así, no HULA, o Servizo de Radioterapia dispón dunha superficie de 1.750 m2; e, ao seu carón, a área de Medicina Nuclear ocupa unha superficie de 1.625 m2. Coa posta en funcionamento de ambas, posibilítase que determinados procesos diagnósticos e terapéuticos poidan realizarse no hospital lucense nas mesmas condicións que se facían ata agora noutros hospitais. Deste xeito, afirmou Vázquez Almuiña, mellórase substancialmente a atención sanitaria que se presta aos cidadáns; ponse a disposición dos profesionais da saúde as últimas tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas; e increméntase a produtividade e a capacidade diagnóstica do Lucus Augusti.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada