Luís Miguel López Núñez, director técnico da DO Monterrei: “Un 19% do viño comercializado en 2015 destinouse á exportación”

Na vendima de 2015, aínda que é na que máis recollemos, 4,7 millóns de quilogramos, dos cales o 70 % correspondeu a variedades brancas e o 30% a tintas

O director técnico da DO Monterrei acudiu ao Gastroforum16 do Centro Superior de Hostelería de Galicia, CSHG, para dar a coñecer os viños desta DO e transmitir a tradición vitivinícola, explica o técnico.

A DO Monterrei é a segunda DO máis nova de Galicia, pero o legado vitivinícola da comarca de Monterrei é moi antigo. “Na época romana xa existían lagares rupestres”.

Das cinco DO de Galicia, Monterrei é a máis pequena en canto ao número de quilogramos de uva recollidos. A vendima de 2015, é na que máis recolleu, 4,7 millóns, dos cales o 70 % correspondeu a variedades brancas e  o 30% a tintas. Pero “necesitamos incrementar este número de quilogramos e grazas ás elaboracións que se están a facer e o recoñecemento que os viños están tendo tanto a nivel nacional como internacional, poderemos medrar e chegar a mercados máis amplos” augura López Núñez.

Os viños brancos elabóranse, basicamente, coas variedades Godello, Treixadura e Dona Branca como variedades preferentes. Como variedades autorizadas, Albariña, Loureira e Branca de Monterrei. Os viños tintos elabóranse coas variedades Mencía, Merenzao como preferentes e como autorizadas, o Tempranillo, o Sousón e o Caíño tinto. “A diferenciación con outras DOs está na adaptación das nosas variedades autóctonas as nosas condicións edafoclimáticas, é dicir, de solo e clima. Esa adaptación así como ese labor das nosas adegas e os nosos viticultores, permítenos obter viños únicos e diferentes, totalmente distintos aos outros viños galegos e aos do resto de España.

O mercado da DO Monterrei “está a nivel nacional, pero existe unha importante á comercialización internacional. Un 19% do viño comercializado en 2015 destinouse á exportación. A maior parte do volume exportado foi destinado a Alemaña, seguido por Holanda e Reino Unido. Fóra da Unión Europea, os viños de Monterrei están a ser comercializados en EEUU.

“Hoxe en día hai un importante coñecemento dos viños de Monterrei en restauración e hostelería a nivel de Galicia. En  España tamén, aínda que en Galicia fíxose un importante labor de promoción nos últimos dez anos e está a dar os seus froitos. Tamén seguimos a facer actividades de promoción como o túnel do viño en Lugo”, expón Luís Miguel López.

“A min encántame a cultura do viño e é unha forma de traballar no que me gusta que non sempre é posible”, afirma.  Estudou enxeñería técnica-agrícola e, posteriormente, licenciouse en Tecnoloxía dos Alimentos.

López Núñez está convencido de que se precisa “aumentar o consumo de viño, loxicamente non só de Monterrei, senón de viño galego. Non digo que só sexa de viño galego pero temos que aumentar o consumo dos nosos viños, e demostrar que poden estar a nivel nacional e tamén internacional, como están a ser recoñecidos. En definitiva, apostar máis por este viños”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada