A colaboración entre o Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga e o Instituto Tecnológico de Galicia fará máis segura a auga da Comunidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou nunha reunión de avaliación do proxecto WaterNanoEnv.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou nunha reunión de avaliación do proxecto WaterNanoEnv.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe os beneficios que terá para Galicia a colaboración entre o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga e o Instituto Tecnológico de Galicia no proxecto WaterNanoEnv, facendo máis segura a auga da comunidade. A iniciativa busca aplicar a nanotecnoloxía ao ciclo da auga, e permitirá a detección temperá de contaminantes como cianotoxinas ou bacterias e-coli na auga dos encoros mediante nanosensores, ademais de desenvolver tecnoloxías para analizar o efecto dos nanoresiduos nas EDAR, tanto no propio funcionamento das plantas como á súa volta ao mar.

Deste xeito, espérase que o proxecto permita mellorar a prevención e a saúde, permitindo unha resposta rápida ante emerxencias e situacións de risco por contaminación das augas; mellorar a prevención e a xestión integral para reducir custos en recuperación ambiental e remediación; e protexer a biodiversidade e o patrimonio natural, ademais de mellorar a saúde ambiental e humana.

Conde participou nunha reunión sobre a marcha desta iniciativa, que comezou o ano pasado no marco dun acordo entre a Xunta e o INL para poñer en marcha proxectos nanotecnolóxicos con institucións científicas galegas, e resaltou que suporá ademais desenvolver “unha tecnoloxía que poida transferirse ao mercado e ter un impacto sobre o noso tecido produtivo”.

Cara a esa meta, o ITG e o INL xa teñen desenvolvido os primeiros deseños de sondas e este mesmo ano xa terán un primeiro prototipo para detectar en tempo real cianotoxinas en encoros. Ademais, avanzan os traballos de laboratorio para analizar os efectos das nanotoxinas nas EDAR, e en novembro se porá en marcha un Grupo Internacional de Expertos en apoio desta iniciativa.

Conde subliñou a aportación galega a este proxecto a través do ITG, que este ano cumpre 25 anos e que é un dos 6 centros tecnolóxicos que hai en Galicia recoñecidos a nivel nacional, e o único do norte da comunidade. “Un centro de referencia no ámbito da sostibilidade, a eficiencia enerxética”, dixo Conde, que asume así un papel de liderado nun área na que xa ten unha gran experiencia, a xestión do ciclo da auga; e o fai poñéndose ao fronte dunha iniciativa de innovación aberta no que tamén participa a Universidade de Santiago de Compostela.

O proxecto WaterNanoEnv se enmarca no acordo de preto de 3 millóns de euros ao que a Xunta chegou o ano pasado co INL para aproveitar a oportunidade de ter tan preto de Galicia un centro como este, creado grazas a o impulso dos Gobernos español e portugués e que recibe un constante apoio do Ministerio de Economía y Competitividad a través da Secretaría de I+D+i. Este acordo, que prevé crear e manter máis de 40 empregos cualificados, está a impulsar a posta en marcha de catro proxectos. Ademais desta iniciativa sobre a detección de contaminantes na auga, prevé a prestación de servizos avanzados á industria biomédica internacional, o deseño de novas ferramentas para o diagnóstico e o tratamento do cancro e do ictus e novos alimentos funcionais obtidos de recursos mariños.

Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a potenciar o desenvolvemento da nanotecnoloxía, recoñecida xa como una tecnoloxía facilitadora de carácter prioritario na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e na Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada