A cápsula endoscópica utilizada no Álvaro Cunqueiro para explorar o intestino delgado permite obter máis de 60.000 imaxes en 8 horas

Os gastroenterólogos responsables desta técnica no servizo de Dixestivo son o doutor Alfonso Martínez Turnes e a doutora Pamela Estévez Boullosa.

Os gastroenterólogos responsables desta técnica no servizo de Dixestivo son o doutor Alfonso Martínez Turnes e a doutora Pamela Estévez Boullosa.

Máis de 60.000 imaxes nun período de 8 horas. É o que pode obterse a través do emprego das cápsulas endoscópicas para explorar o aparato dixestivo, e máis concretamente o intestino delgado, algunhas de cuxas partes non son accesibles mediante os procedementos endoscópicos habituais. Unha técnica que se leva a cabo no Hospital Álvaro Cunqueiro con excelentes resultados, segundo apunta o xefe do servizo de Dixestivo, o doutor José Ignacio Rodríguez Prada.

A cápsula endoscópica é unha técnica que se utiliza para ver o interior do tubo dixestivo de forma directa, a diferenza das probas radiolóxicas que obteñen fotografías por diferentes métodos. A cápsula está dotada dunha microcámara e está deseñada para capturar imaxes do tubo dixestivo a medida que o vai percorrendo. A batería do dispositivo permítelle unha autonomía de entre 8 e 12 horas, tempo durante o cal vai tomando, de forma continua, imaxes do aparato dixestivo e enviándoas a uns receptores que se axustan á cintura do paciente a modo de cinto. Todas estas imaxes almacénanse nunha gravadora de datos en forma dun vídeo que despois deberá ser visualizado polo gastroenterólogo para establecer un diagnóstico. Finalmente, a cápsula é excretada de forma natural a través das feces.

O dispositivo, que ten forma de cápsula (pesa 4 gramos e mide 11x26mm), de aí o seu nome,, e tamén pode ser empregada en nenos. Os gastroenterólogos responsables desta técnica no servizo de Dixestivo son o doutor Alfonso Martínez Turnes e a doutora Pamela Estévez Boullosa.

O doutor Martínez Turnes explica que “as endoscopias convencionais (gastroscopia e colonoscopia) permiten un acceso moi limitado ao intestino delgado, polo que ata a aparición da cápsula era practicamente imposible conseguir imaxes da totalidade do interior deste órgano”.

Sen molestias para o paciente

Actualmente hai técnicas endoscópicas para valorar o intestino delgado (enteroscopia) pero son exploracións invasivas e molestas para o paciente, polo que se necesita sedación para realizalas. A cápsula endoscópica, con todo, é inxerida facilmente polo paciente, permite na maioría dos casos un estudo completo do intestino delgado sen necesidade de sedación, de forma indolora e cómoda, mentres o paciente esta no seu domicilio. E ademais o seu índice de complicacións é moi baixo.

Pola súa banda, a doutora Pamela Estévez Boullosa relata que “o uso máis estendido desta cápsula endoscópica é o estudo do intestino delgado, aínda que se deseñaron cápsulas especificas para o esófago e o colon”.

No intestino delgado as indicacións máis importantes son o estudo da hemorraxia dixestiva de orixe escura que produce anemias e a enfermidade de Crohn, aínda que tamén ten un papel importante no diagnostico de tumores do intestino delgado ou a enfermidade celiaca, entre outras.

Incremento da actividade

O traslado do servizo de Dixestivo ao Hospital Álvaro Cunqueiro “supuxo unha gran mellora para a nosa Unidade de Endoscopias; dispoñemos agora de dúas gravadoras de datos de última xeración, que permiten ver o interior do tubo dixestivo do paciente en tempo real, e dous cintos de sensores que son sumamente cómodos para o seu uso; ademais tamén conseguimos dúas estacións de traballo que permitirían facer dous estudos diarios, co que esperamos poder realizar maior número de exploracións”, apunta o doutor Martínez Turnes.

Reunión científica

O Servizo de Aparato Dixestivo do Álvaro Cunqueiro, que dirixe o doutor José Ignacio Rodríguez Prada, organiza o vindeiro martes a primeira Reunión Galega de Cápsula Endoscópica, que reunirá a especialistas de Dixestivo e doutras especialidades para debater sobre o papel actual desta técnica.

A Reunión Galega de Cápsula Endoscópica, a primeira deste ámbito realizada en Galicia será inaugurada polo xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial. Ademais da participación dos membros da Unidade de Cápsula Endoscópica do Hospital Álvaro Cunqueiro, contará con tres relatores de recoñecido prestixio nacional e internacional, do Hospital Clinic de Barcelona, do Hospital A Fe de Valencia e da Clínica Universitaria de Navarra.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada