O festival Sinsal reúne na illa de San Simón a unha vintena de artistas galegos e internacionais na súa décimo cuarta edición

_MG_9858A illa de San Simón volverá converterse este ano no escenario do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que celebra a súa décimo cuarta edición do 22 ao 24 de xullo. Grupos galegos e internacionais comparten cartel nun evento que ten entre os seus atractivos o feito de manter o segredo da súa programación ata o momento da apertura.

Un ano máis, “o festival opta pola incógnita como unha forma de atraer o público interesado, xa que é no momento no que os e as asistentes desembarcan na illa cando reciben o programa coa información sobre o que poderán ver e escoitar nesa fin de semana”, afirmou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da iniciativa, en Vigo.

DIFERENTES CONTINENTES

Ata 20 artistas galegos e internacionais daranse cita na programación oficial deste ano. Músicas e sons desde Brasil, Arxentina, Chile, EUA, Reino Unido, Francia, Lituania, Exipto, Portugal, España, Alemaña e Zimbabue, entre outros, soarán este ano en Sinsal, que mantén a súa filosofía de compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que, en non poucas ocasións, encabezan a curto prazo os festivais máis prestixiosos de Europa.

MULLERES, TROPICALISMO, TROBADORES

Sen desvelar o cartel, como é norma do festival, o seu director, Xulio Gómez, destacou a participación de bandas de Francia e Portugal, o peso dos trobadores contemporáneos no cartel 2016 e as novas reinterpretacións do tropicalismo brasileiro por parte de novos grupos. Ademais, o festival, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, outorgaralles ás mulleres creadoras un papel relevante no cartel, visibilizando o seu traballo en diferentes facetas da música.

TRES DíAS INSEQUECIBLES

Galardoado como mellor festival de formato pequeno en España na última edición dos Premios Fest, Sinsal 2016 ofrecerá “tres días de música e experiencias inesquecibles nunha contorna única, na que recalan periodicamente actividades culturais de referencia como o campamento musical San Simón Fiddle, o obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’ ou o encontro Nethinking”, recordou o secretario xeral.

“Desde a Consellería de Cultura e Educación volvemos apoiar esta iniciativa, que ten na calidade da súa programación un dos seus piares e que se enmarca na completa programación de festivais que conforman a axenda cultural de Galicia para as próximas semanas”, asegurou Anxo Lorenzo.

NOVIDADES EDICIÓN

A décimo cuarta edición do festival presentará novidades relacionadas coa gastronomía, co transporte e co acceso do público menor de 16 anos. O aforo limitado a 800 persoas por día, a contorna natural, o feito de ser un evento diúrno e moi familiar, tanto pola proximidade de músicos e organización co público como polo feito de promover a participación da audiencia nova, sitúan o festival como unha proposta alternativa, que este ano propón obradoiros, experiencias náuticas e paseos en goleta pola enseada.

ENTRADAS

Aínda que xa están esgotadas as entradas para o sábado 23 de xullo, os bonos de tres días, así como os bonos de venres e sábado e de venres e domingo, e as prazas para menores de 16 anos do domingo 24 de xullo, aínda se poden adquirir en ticketea entradas de días para venres e domingo. Tamén están esgotados os bonos camping en colaboración co camping Cesantes, así como o traslado ao festival en goleta o sábado en colaboración coa empresa de turismo mariñeiro Bluscus.

Sinsal, que vén contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e tamén da Axencia Galega das Industrias Culturais –a través da liña de subvencións a festivais– levou á illa en edicións anteriores artistas como Alt-J, L’Enfance Rouge, Hoquets, Jacco Gardner, Mdou Moctar, Chelsea Wolfe, Baden Baden, Owen Pallett, Wire e All We Are, entre outros.

Tamén colaboran co festival Son Estrella Galicia e New Balance, o Concello de Redondela e mais a Deputación de Pontevedra, representados na rolda de prensa por Víctor Mantiñán, Pablo Tojeiro, Xabier Alonso e Carmela Silva, respectivamente.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada