José Luis Vaz Fernández, presidente-xerente da Cooperativa Verín Biocoop: “O ecolóxico non é carísimo, é un pouco máis caro, fai falta, pero tan só un pouco máis”

José Luis Vaz asombrou os asistentes ao Gastroforum16 do Centro Superior de Hostelería, CSHG; presentouse como un gandeiro e polo que dixo no taller Biocoop percibíase algo máis. Aquí xa di que fixo Turismo e é licenciado en Filoloxía inglesa. Así xa entendemos a súa capacidade comunicativa e persuasiva xunto co apaixonamento co que fala. Defínese como un “neorural” que sendo natural de Ourense emigrou con 7 anos cos seus pais a Vigo e aos trinta fixo a viaxe de volta. “Para intentar transformar o que herdei do meu pai e darlle un novo xeito, outra maneira de velo”.

Aínda sendo as catro da tarde a súa charla cos asistentes, na súa maioría alumnos  do CSHG, aprenderon ou aprendemos moitísimo  e desfrutamos máis. Coa súa fala, co ton con que fala, mais o contido do seu verbo e imposible quedar indiferente. Os lectores de Grupo ES. han de comprobar isto se ven a vídeo-entrevista.

“Hai que motivar as conciencias destes rapaces para que vexan que hai formas alternativas de abordar o sector primario galego e os produtos xa tan bos que temos, espectaculares… que veñen da Prehistoria”, di xustificando a súa actitude.

José Luis viaxou, antes de pór en marcha estas iniciativas de recuperación do autóctono galego,  para contrastar experiencias gandeiras de tipo ecolóxico e biodinámico co fin de trasladalas a Galicia.

Vaz fala de cinco razas de gando, “as que veñen da Prehistoria: Cachena, vienesa, frieiresa, a candelanas, liminas e rubia galega. Estas razas antigas son as que mellor expresan o noso devir…”.

Biocoop Verín comercializa esta carne ecolóxica de animais en liberdade, non estabulados, integrados no seu propio ambiente en rabaños en extensivo, o que fan non teñan estrés. “Nós vendemos a quen nos queira comprar” explica Vaz. Biocoop vende tanto a carniceiros, como restauradores, ou mesmo particulares. Na restauración subliña que vende carne “á restauración consciente”, aquela  que aposta por produtos con ausencia de residuos químicos de síntese e de animais alimentados con leite materna, herba e cereais ecolóxicos. E engade que esa “idea que prevalece de que por ser ecolóxico é carísimo”, non é así: “Un pouco máis caro, fai falta; pero tan só un pouco máis”.

Para os empresarios Vaz alerta de que “o noso campo galego está en perigo de extinción…”, polo envellecemento da poboación, e invita os empresarios a “andar novos camiños no campo galego…”. José Luis cre que a par do sector industrial ten que ir o sector primario “que garanta unha certa soberanía alimentaria dentro desta economía global”.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada