DO Ribeiro outorga o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista galego Cristino Álvarez

O sector vitivinícola da zona e profesionais de toda España reuniranse no Mosteiro de San Clodio o mércores 29 de xuño para coñecer os premiados

Imaxe do público que asistiu a edición da Gala da DO Ribeiro de 2015.

Imaxe do público que asistiu a edición da Gala da DO Ribeiro de 2015.

A Denominación de Orixe Ribeiro vive o mércores 29 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro), a súa gran cita anual: a entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que este ano celebra a súa quinta edición. Os Premios, organizados polo seu Consello Regulador, recoñecerán os mellores viños brancos, de adega e de colleiteiro, e tinto da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Durante o evento entregarase o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista galego Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa andaina profesional e á divulgación dos viños do Ribeiro a través das súas crónicas. No 2015, o galardón foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelín, e na edición 2014 recolleuno o sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Tamén hanse coñecer os gañadores do resto das distintas categorías: Premio “Mellor tarefa de comunicación”; Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de viños”; Premio “Mellor Viño Branco Adega”; Premio “Mellor Viño Branco Colleiteiro”; e. Premio “Mellor Viño Tinto”.

No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reuniranse profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, divulgadores…

ÁLVAREZ

Cristino Álvarez, Caius Apicius nas súas crónicas gastronómicas, é un dos xornalistas do sector máis lidos das últimas décadas, grazas aos seus artigos distribuídos pola Axencia Efe a máis dun cento de medios. Entrara na Axencia en 1974, pero apostou por cambiar as crónicas das cociñas políticas polas dos fogóns en 1981. Trala súa xubilación oficial, non parou e podemos seguir a gozar dos seus artigos.

Coruñés, non se considera crítico senón contador ou gastroarqueólogo. Claro e directo no estilo, estudoso e didáctico, xeneroso no trato… a súa orixe e o coñecemento que atesoura sobre os produtos galegos reflíctense en moitos dos seus escritos.

Cristino Álvarez mereceu numerosos recoñecementos e distincións ao longo da súa carreira, como o Premio Nacional de Gastronomía, que recibiu en 1991. Tamén é membro das Academias Española e Galega de Gastronomía, e autor de máis dunha ducia de libros e infinidade de artigos en prensa. A eses galardóns suma agora o Premio Persoeiro de Honra da Denominación de Orixe Ribeiro.

DO RIBEIRO 

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente está conformada por 107 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense.

A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.646 hectáreas de vide situadas nos concellos de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de grande diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2015 na Denominación de Orixe foi de 14,3 millóns de quilos de uva. O 90% da produción total é viño branco e o 10%, viño tinto.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada