A Xunta organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán e ofrece aos mozos e mozas galegos 575 prazas

Os e as participantes realizarán escavacións, prácticas de limpeza, siglado e debuxo arqueolóxico

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou os participantes do campo de traballo de Xermade en 2015.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou os participantes do campo de traballo de Xermade en 2015.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá o Campo de Traballo Internacional de Rois que se celebrará na localidade entre o 1 e o 12 de agosto. Este campo centrará a súa actividade na intervención arqueolóxica no Castro de Socastro.

Concretamente, os voluntarios e voluntarias realizarán escavacións, prácticas de limpeza, siglado e debuxo arqueolóxico. O Castro de Socastro atópase na parroquia de San Pedro de Herbogo e está configurado por un recinto principal de planta oval cunhas dimensións de 125 por 85 metros, delimitado por un parapeto de terreo. Este castro é visible dende todas as montañas que rodean a conca fluvial do río Valeirón, polo que se pode supoñer que fose a acrópole máis importante da zona.

Nesta iniciativa conxunta entre a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o Concello de Rois, participarán un total de 20 voluntarios de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galicia, do resto de España e doutros países de todo o mundo.

Cecilia Vázquez destacou que “os proxectos de voluntariado xuvenil, como este campo de traballo, supoñen unha magnífica ferramenta de educación non formal para a nosa mocidade”. En concreto, os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países.

Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán nos concellos coruñeses de Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira e Coirós e nos concellos ourensáns de Celanova, Ourense, Muíños, Vilamarín e A Peroxa. Así mesmo, celebraranse nos municipios lucenses de Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga e Xermade, así como en localidades da provincia de Pontevedra como as Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

Este ano os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nos campos de traballo. Destas prazas, 120 son para campos noutras comunidades autónomas, 250 para campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para campos en Galicia. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

Campaña de verán 2016

Cecilia Vázquez lembrou que os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. “Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado”, explicou a directora xeral.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma neste enlace.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada