O violoncellista granadino Guillermo Pastrana toca esta semana coa Real Filharmonía de Galicia nos seus concertos en Santiago e Ferrol

O violoncellista Guillermo Pastrana.

O violoncellista Guillermo Pastrana.

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O mércores día 28 a orquestra desprazarase a Ferrol, onde actuará no Teatro Jofre, ás 20:30 horas. E o xoves 29 tocará en Santiago de Compostela, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

 

Os concertos comezarán coa Serenata para cordas do compositor clásico británico Edward Elgar (1857-1934). É a primeira das súas composicións coas que o músico se confesou satisfeito e na actualidade segue a ser unha das obras máis frecuentemente interpretadas de todo o seu repertorio. A peza, que reúne toda a esencia do romanticismo cunha sinxeleza asombrosa, foi un regalo á súa esposa Alice con motivo do seu aniversario de vodas en 1892.

 

O carisma de Guillermo Pastrana co violoncello

 

De seguido a orquestra interpretará o Concerto para violoncello en La menor do compositor alemán Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos máis importantes e representativos do Romanticismo. Compuxo esta obra en tan só dúas semanas e estreouse catro anos despois da súa morte. Está recoñecido como un dos seus traballos máis atrevidos, xa que aporta innovacións e ideas orixinais na composición que o diferencian do tradicional concerto clásico.

 

Os músicos da RFG contarán nesta ocasión coa colaboración do violoncellista Guillermo Pastrana, un dos grandes talentos da interpretación actual en España. Naceu en Granada en 1983 e comezou os seus estudos aos seis anos no conservatorio da devandita cidade. Aos 17 anos continou a súa formación no estranxeiro, que culminou na cidade suíza de Basilea. Gañou numerosos concursos nacionais e internacionais e ten ofrecido recitais e concertos como solista en diferentes cidades e festivais de todo o mundo. Enxalzado pola crítica, o público e os grandes profesionais cos que ten colaborado na súa curta pero fulgurante carreira, todos coinciden en salientar a súa musicalidade, a calidade do seu son, afinación e perfección técnica, ademais do seu carisma sobre o escenario.

O violoncellista granadino Guillermo Pastrana.

O violoncellista granadino Guillermo Pastrana.

 

A Sinfonía nº 98 de Haydn

 

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 98 do compositor austriaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do periodo clásico. É coñecido como o “pai da sinfonía”, debido ás súas importantes contribucións a este xénero. Esta obra é a sexta das doce Sinfonías de Londres e compúxoa na súa primeira viaxe á capital inglesa.

 

O público de Santiago poderá manter unha charla previa co violoncellista

 

Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o violoncellista Guilllermo Pastrana manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada