A reforma da LACrim provoca un descenso do 36,2% no ingreso de asuntos na xurisdición penal en Galicia no primeiro trimestre do ano

Desde o pasado 6 de decembro, os atestados policiais de delitos sen autor coñecido non se remiten aos xulgados de instrución

Sala vacía de un juzgado.

Sala vacía de un juzgado.

A entrada en vigor o pasado 6 de decembro da Lei 41/2015, de modificación da Lei de axuizamento criminal (LACrim) para a axilización da xustiza penal e o fortalecemento das garantías procesuais traduciuse no primeiro trimestre do ano nunha diminución do 36,2% na entrada de asuntos na xurisdición penal en Galicia, descenso menor do rexistrado no conxunto do Estado (42,7%).

A reforma legal, que modificou o artigo 284.2 da LACrim, de xeito que os atestados policiais en que non exista autor coñecido do delito denunciado xa non se remiten aos xulgados de instrución, tivo como consecuencia que, fronte aos 72.821 asuntos ingresados na Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2015, pasouse a 46.428 asuntos nos tres primeiros meses deste ano.

Ademais, como eses asuntos que deixaron de ingresar os xulgados de instrución se resolvían de forma inmediata —cun auto de arquivamento por falta de autor coñecido—, produciuse un descenso similar nas resolucións: de 76.294 asuntos resoltos pasouse a 46.428, un 34% menos.

Por último, o número de asuntos penais en trámite en Galicia ao final do período era de 42.547, un 24,2% menos que hai un ano.

Baixa tamén a entrada de asuntos no resto das xurisdicións

O informe “Situación dos órganos xudiciais no primeiro trimestre de 2015” publicado hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial revela que a entrada de asuntos diminuíu no primeiro trimestre do ano tamén no resto das xurisdicións na Comunidade, resultando unha baixada global do 26,8% respecto do mesmo período de 2015.

Así, entre o pasado 1 de xaneiro e 31 de marzo, os asuntos de novo ingreso no conxunto dos órganos xudiciais galegos —incluídos os penais— foron 86.293, fronte aos 116.045 do primeiro trimestre de 2015.

Neste período, os xulgados e tribunais da Comunidade resolveron 93.736 asuntos, o que supón unha media de 365 causas por órgano xudicial; mentres que ao final do mesmo quedaban en trámite 128.046 asuntos, un 13% menos que na mesma data do ano pasado.

Os datos por xurisdicións son os seguintes:

Xurisdición civil

O número de asuntos ingresados no primeiro trimestre de 2016 foi de 30.096, o que representa un descenso interanual do 11,4%. Nesta xurisdición resolvéronse 32.435 asuntos e ao final do trimestre quedaron en trámite 51.673 asuntos, un 0,5% máis que hai un ano.

Xurisdición contencioso-administrativa

Nesta xurisdición rexistráronse en Galicia 2.550 novos asuntos entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo, un 1,1% menos que no mesmo período do ano anterior. A cifra de asuntos resoltos foi de 2.784  e a de asuntos en trámite ao final do trimestre de 7.230, un 14,2% menos que ao finalizar o primeiro trimestre do ano pasado.

Xurisdición social

Estes órganos xudiciais recibiron na Comunidade 7.219 novos asuntos nos tres primeiros meses do ano, o que representa unha diminución interanual do 14,7%. O número de asuntos resoltos foi de 8.159  e o de asuntos en trámite ao final do período de 26.596, o que supón un descenso interanual do 14,9%.

Taxa de litixiosidade

A taxa de litixiosidade  en Galicia (31,75) sitúase na media do conxunto do Estado no primeiro trimestre de 2016, que foi de 31,97 asuntos por cada mil habitantes. Mentres que en contencioso e penal a taxa da Comunidade sitúase por baixo da media, é máis alta en civil (11,07 casos por cada mil habitantes fronte aos 10,20 de media) e en social (2,66 fronte aos 2,02 de media).

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada