A Xunta adxudica 155 contratos predoutorais e posdoutorais para consolidar investigadores

O Goberno inxecta un total de 16,1 millóns de euros na formación, potenciación e consolidación da carreira científica para o período 2016-2019

 

O Goberno galego -a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Galega de Innovación (GAIN)- vén de adxudicar un total de 155 axudas para a potenciación e consolidación da carreira científica dos investigadores, 100 das cales se corresponden con bolsas do Programa de apoio á etapa predoutoral 2016 e as 55 restantes co Programa de apoio á formación da etapa posdoutoral.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia inxecta un total de 16,1 millóns de euros na formación, potenciación e consolidación da carreira científica de 175 investigadores galegos no período 2016-2019, o maior investimento da historia de Galicia neste campo, cun incremento de preto do 26 por cento con respecto ao orzamento da anterior convocatoria de 2015.

Apoio predoutoral

Ao abeiro do Programa de apoio á etapa predoutoral 2016 adxudicáronse un total de cen contratos científicos por un período de tres nas dúas modalidades establecidas, cunha inxección económica por parte da Xunta de 7,4 millóns de euros. O listado dos beneficiados poden consultarse no DOG.

Na modalidade A (para proxectos en liña cos retos definidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3), 50 recaeron en investigadoras/es das universidades do SUG, das que 6 corresponden á Universidade da Coruña, 31 á Universidade de Santiago de Compostela e 13 á Universidade de Vigo. As restantes foron para a Fundación para a investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez e para a Fundación Novoa Santos.

Na modalidade B, -que busca garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, concedéronse 41 axudas, 40 ás universidades do SUG e 1 ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC.

Contratos posdoutorais

No que atinxe ao Programa de apoio á etapa posdoutoral, veñen de resolverse os contratos da modalidade A, que financiará contratos de dous anos de duración para que o persoal investigador amplíe a súa especialización no estranxeiro, nos centros de máis prestixio internacional; e a súa reincorporación á Galicia mediante un contrato de retorno dun ano de duración. Trátase de 55 contratos (cuxos beneficiarios se poden consultar no DOG de hoxe).

Das 55 axudas, 5 son para a Universidade da Coruña, 27 para a Universidade de Santiago de Compostela, 18 para a Universidade de Vigo, 3 para a Fundación Novoa Santos, 1 para a Fundación para a Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez e 1 para o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Doutra banda, estanse avaliando as candidaturas da modalidade B –con 20 prazas e dous anos de duración- para a continuación da súa formación e o afianzamento dunha traxectoria investigadora propia, no caso daqueles investigadores que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria de 2012 dentro do Plan I2C.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada