Os profesores Francisco Díaz-Fierros e Xosé Manuel Cid Fernández, e o Concello de Brión, premios Peña Novo

Peña NovoO Castelo de Soutomaior foi o escenario, este xoves, da entrega dos premios ‘Lois Peña Novo’, uns galardóns xa consolidados ao longo dos seus vinte e dous anos de historia e que seguen fieis ás súas orixes de promover e modernizar a lingua galega. Na edición deste ano, os premiados foron os profesores Francisco Díaz-Fierros e Xosé Manuel Cid Fernández e o Concello de Brión.

No acto de entrega dos galardóns participou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que reivindicou o orgullo pola lingua galega e por uns premios que levan o nome dun galeguista comprometido e un dos máis activos integrantes das Irmandades da Fala, como foi o caso de Lois Peña Novo. Neste senso puxo en valor “o empeño e autoesixencia” dos integrantes da Fundación Peña Novo “no reforzamento da conciencia da galeguidade” tanto nas administracións coma no conxunto da cidadanía.

Este labor a prol da nosa identidade lingüística reflíctese nos galardoados desta edición xa que “todos eles contribúen a que a nosa lingua se consolide en todos os campos da sociedade”, dixo o conselleiro, que fixo especial fincapé no seu uso no eido académico e científico. O responsable de Educación da Xunta foi o encargado de entregarlle o premio ao catedrático de Edafoloxía Díaz-Fierros, especialmente recoñecido polo uso da lingua galega na ciencia. Así mesmo, o profesor e pedagogo da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid Fernández, ten destacado polo desenvolvemento de programas de renovación pedagóxica e por entender o ensino vinculado á realidade cultural.

O conselleiro felicitou aos galardoados e fixo extensivo os parabéns ao Concello de Brión, que recibiu o premio por defender e empregar o galego xa desde os albores da democracia. Segundo Román Rodríguez, calquera administración local, para facela máis eficiente, eficaz e achegada aos cidadáns, “debe falar a lingua da xente para servila con competencia e desde a proximidade”. Precisamente a Consellería conta con iniciativas nesta liña, como a Rede de Dinamización Lingüística, que busca afianzar o emprego do galego no eido municipal desde accións coordinadas.

O conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, concluíu reivindicando que o futuro da lingua galega “depende de cada un de nós, de cada persoa, de cada colectivo e de cada administración”, polo que é importante a suma de esforzos desde todos os eidos, como é o caso da Fundación Lois Peña Novo con estes galardóns.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada