Os gañadores locais das sete grandes cidades galegas competiron polo galardón Mellor Cociñeiro 2016 nun show cooking en directo

NavaEsta tarde seleccionouse ao Mellor Cociñeiro 2016 da segunda edición do programa De Tapas por Galicia, impulsado por Turismo de Galicia coa finalidade de promover o turismo urbano e gastronómico e aproveitar o talento dos cociñeiros galegos. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que esta gala é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por poñer en valor a tradición culinaria e a cociña da terra e recoñecer o alto nivel dos cociñeiros galegos.

No evento dábanse cita os cociñeiros finalistas dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. O seu obxectivo era competir en directo nun show cooking no que presentaron as súas propostas coa finalidade de lograr, tras a degustación das mesmas, o Premio ao Mellor Cociñeiro, outorgado por un xurado profesional. No evento tamén se concedeu un segundo galardón, o Premio Especial do Público, outorgado pola votación de varios convidados á gala, elixidos ao azar.

Os participantes foron Luís Peral, de Oído Cociña da Coruña; Siro González, do Restaurante Siro González de Santiago de Compostela; Pablo Fuentes e Alberto Rodríguez, da Bodega de Estrella de Ferrol; Alejandro Méndez, Os Cachivaches de Lugo; Cristina Dias, de Porta da Pía de Ourense; Sergio Orge e Rubén González, de Cafetín de Pontevedra; e Gerson Iglesias e Carlos Barreira, de Ruxe Ruxe de Vigo.

Os gañadores, ademais de obter o recoñecemento ao seu traballo, foron premiados cunha estancia dunha fin de semana nun balneario galego e cun trofeo creado para a ocasión polo escultor Luís Loureira.

O recoñecemento foi outorgado esta tarde na Cidade da Cultura, onde se celebrou a II Gala Show Cooking, organizada por Turismo de Galicia e á que, ademais de Nava Castro, tamén asistiu en representación do Goberno galego, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

O acto estivo conducido polos presentadores de televisión Yolanda Vázquez e Quique Morales e o xurado profesional encargado de escoller ao mellor cociñeiro estaba composto pola directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o presidente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campo, e o xornalista de Radio Galega José Manuel García. Este xurado foi o encargado de escoller ao mellor cociñeiro en base á súa tapa, valorando a orixinalidade e o respecto do prato polo produto galego.

A gastronomía galega como reclamo turístico

Nava Castro afirmou que iniciativas deste tipo permiten impulsar a gastronomía galega, que constitúe o segundo motivo polo que os turistas escollen esta comunidade como destino pola calidade que se ofrece nos máis de 5.300 restaurantes existentes, moitos con importantes galardóns como as 59 Q de Calidade Turística, 13 Estrellas Michelin e 37 Soles Repsol.

Así mesmo, a directora expuxo que a Comunidade galega ofrece máis de 300 festas gastronómicas, das cales 52 contan coa declaración de interese turístico nacional ou autonómica. Tamén exemplificou os numerosos recursos gastronómicos polos que o seu departamento está a apostar para potenciar a imaxe de Galicia como destino enogastronómico.

Nesta liña, Nava Castro subliñou a Ruta dos Viños de Galicia, que promoven o turismo nas zonas de produción das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas; o Outono Gastronómico, que combina o turismo rural coa gastronomía; ou a Ruta da Lamprea, un produto turístico diferenciador creado en 2016 ao redor dos recursos naturais e gastronómicos deste peixe.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada