A MIT pón en marcha os Obradoiros do espectador nesta nova edición

Un curso cos arxentinos Laura Nevole e Rubén Sabadini vai ser outras das actividades complementarias

cartel MIT 2016_2

Fragmento do cartel anunciador.

A MIT Ribadavia quérelle dar continuidade a estas actividades que tan boa acollida e tanto fixeron aumentar o goce da asistencia aos espectáculos na pasada edición.

Os Foros son un coidado espazo para o encontro, o debate aberto, entrevistas e obradoiros cos creadores e usuarios que nos visitan e que intercambian a súa experiencia e relacións coa sociedade. Os Foros da MIT Ribadavia queren ser a manifestación latente dun dos obxectivos que a Mostra leva perseguindo nos últimos anos: o aumento da competencia estética, o empoderamento da sociedade en relación co discurso crítico sobre a arte e a busca e consolidación de espectadores/as.
Os foros abertos tamén queren evidenciar o feito non crematístico do festival, a filosofía de irradiación daquilo que nunca conclúe nos espazos de exhibición, saltando así ás diversas canles de divulgación, na busca de novos espectadores e do compromiso coa innovación e o progreso da diversa e novidosa produción teatral contemporánea, facéndoa  así mesmo máis accesible para todos os espectadores/as.

Nesta edición, algúns destes foros levan por título: “A memoria como espazo de xustiza”, “Historias de amor e violencia”, “A muller como axente social e humanitario”, “Don Juan sen límites”, etc.

OBRADOIROS DO ESPECTADOR

As escolas de espectadores funcionan dende hai moitos anos en distintos contextos como un recurso máis para gozar, aproveitar, afondar e estimular o coñecemento do feito teatral, da súa historia, da súa gramática, dos seus oficios. A MIT quere poñelos a andar de maneira complementaria cos exitosos Foros da pasada edición, onde comprobamos que o público demanda tamén este tipo de iniciativas, aproveitando a oportunidade de ter ao alcance excepcionais producións escénicas e un contexto idóneo para acompañalas de actividades lúdicas e prácticas. Nesta posta en marcha contamos con dous profesionais, un dramaturgo e un crítico teatral, Roi Vidal e Manuel Xestoso, que nos ofrecerán sesións antes e despois dos espectáculos “Madre Coraje” e “A Gaivota”. A asistencia é gratuíta, previa inscrición na Oficina da MIT.

CURSO-OBRADOIRO

Presentes no programa co espectáculo “Trópico del Plata”, a actriz Laura Nevole foi nomeada como mellor actriz en 2014 e 2015 nos Premios Teatro do Mundo. O seu autor, Rubén Sabadini, obtivo a 1ª Mención de Honra no Concurso de Obras de Artei, Buenos Aires, Argentina.

TEXTO PROGRAMÁTICO

En xullo de 2015, nos Foros da MIT, un amplo colectivo de profesionais das Artes escénicas de Galicia reuníronse para debater e analizar posibles accións encamiñadas á mellora da situación actual deste sector no noso país. Alén das tarefas máis inmediatas e urxentes, un dos proxectos de base para o futuro foi a formulación dunha proposta de lei marco de Artes Escénicas, ferramenta na que decidiu traballar unha comisión redactora que hoxe presenta o seu borrador. Un borrador consensuado, que seguramente poida conter melloras, coma as que se foron recibindo e introducindo, mais que pon sobre o papel aspectos fundamentais para o desenvolvemento e a normalización do sector escénico galego, como se fixo saber na súa presentación, no Parlamento de Galicia, o pasado mes de abril. Unha ferramenta necesaria, así o consideraron tamén tanto o actual Goberno galego coma o conxunto dos grupos políticos da oposición.

Quixo esta comisión que o proceso remate alí onde naceu, en Ribadavia, na casa do teatro galego. Aquí terá lugar a última fase de traballo, así como a presentación do texto nun acto aberto, ao que estarán convidados a dar o seu punto de vista todos os voceiros parlamentarios da área de Cultura, así como profesionais e outras voces expertas.

AS ARTES DE RÚA

Coloquio moderado por Xandra Táboas, coa Compañía Visitants, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre de Ibuprofeno, Nacho Fungueiriño (Culturactiva-Festiclown) e Zanguango de Euskadi.

Malia que Galicia, pola súas características climáticas, non sexa un territorio a priori propicio para as artes de rúa, existe unha tradición de compañías que veñen realizando distintos tipos de espectáculos en itinerancia ou fixos ao aire libre, dende a histórica Antroido e os seus proxectos de Antroido na rúa deseñados por Roberto Vidal Bolaño até as máis recentes Teatro de Ningures ou Quinquilláns; alén de festivais anuais específicos nesta arte, dende os desaparecidos En pé de pedra e Festival D’ Gorra até os aínda vixentes Corpo(a)terra, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Festival Internacional de Artistas de Rúa, Festival Manicómicos, Festiclown ou Itineranta. As prazas tomadas pola arte do circo, a intervención con incidencia no cotiá, a posta en valor da memoria e da iconografía e a implicación dun público activo, fan das artes de rúa un ámbito propicio tanto para a innovación escénica como para as cuestións relacionadas co ámbito do desenvolvemento sociocomunitario, turístico, económico ou antropolóxico; sen esquecer o seu compromiso activo na recuperación do espazo público como un lugar para a expresión artística, o encontro, a convivencia e a iniciativa cidadá. Por tal motivo, quixemos xuntar a artistas de rúa de Galicia con compañías de fóra de Galicia que nos visitan nesta MIT 2016 para reflexionar sobre a situación actual destas artes, as súas realidades e potencialidades.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada