A Rosaleira, conservas vexetais ao natural artesanas e galegas

IMG_2474_2

Antón Fonseca, vicepresidente del Grupo Terras Gauda, en A Rosaleira.

¿Quen lle ía dicir a finais de 1930 a aquel mestre e alcalde no Rosal, nado en Soria e afeccionado á agricultura, que ‘Conservas vegetales José Sánchez García’, logo A Rosaleira, ía ser integrada en 2007 no Grupo Terras Gauda? ¡Difícil de imaxinar!

Grupo ES. foi recibido polo vicepresidente do Grupo Terras Gauda, Antón Fonseca, que confirma que como en todas as empresas do Grupo búscase a calidade. Así a empresa máis grande do Rosal, Terras Gauda, mercou esta lendaria conserveira de vexetais para crear sinerxías empresariais. “Foi un namoramento mutuo”, explica o vicepresidente.

Aquel soriano fundador, José Sánchez García, tamén por amor, chegou á conclusión de que precisaba conservar un doce de froitas que lle facía a súa dona. Así naceu, durante moitos anos, a única conserveira de vexetais en Galicia. Hoxe, na Rosaleira, traballa un neto de José Sánchez, Luís de Lorenzo Sánchez, que lembra moi ben a historia do seu avó.

Quizais A Rosaleira é máis coñecida polos grelos envasados ao natural. A primeira lata saíu desta conserveira en 1967. Daquela algúns tacharon os grelos en conserva como algo para excéntricos. Agora, como di Antón Fonseca, “xunto coa súa compoñente morriñenta é un anaquiño da nosa terra” en cada lata. Para aqueles que están fóra de Galicia, poder degustar grelos da terra é un xeito de lembrar a Galicia.

Os mirabeis en xarope tamén son outra das conservas máis clásicas e recoñecidas da Rosaleira.  Esta planta da familia das ameixas de procedencia centroeuropea dáse en escasos lugares. O Rosal é terra de mirabeis. Moi cobizados como sobremesa e para repostería.

Ademais, en conservas, tomates ao natural; zaragallada (tomates, pementos torados e cebola de Galicia) ideal para a base dunha boa empanada; cogomelos para degustalos sen a obriga de ser en temporada; base para a fritada; berzas; e feixóns verdes. Todo isto sempre ao natural e en distintos formatos.

Explica Fonseca que a cebola fritida en aceite de oliva –fronte ás que noutras conserveiras cocen-  é un produto moi demandado nos restaurantes que queren facer as cousas ben, con produto galego. Á hora de escoller, o dilema é prezo ou calidade do produto. A Rosaleira vende estes envasados ao canal HORECA (Hoteis, Restaurantes e Catering) e as grandes superficies.

A decisión de mercar A Rosaleira tomouna o pai de Antón, José María Fonseca, empresario ben coñecido. Antón asegura que no ‘corazón empresarial’ do seu pai A Rosaleira ocupa un lugar importante. E que a compra non estivo exenta de “paixón”.

Antón Fonseca formouse na Universidade de Santiago en Administración e Dirección de Empresas que complementou con cursos vinculados ao mundo do viño.

Sabe moi ben da aceptación que teñen os nosos produtos fóra de Galicia. Lembra como onde hai un produto, se monta unha festa gastronómica. Os galegos sempre estamos arredor dunha mesa.

Antón aprendeu do seu pai a “rigorosidade e seriedade” no mundo empresarial. Sobre todo a través do seu exemplo máis que das súas verbas. Aquilo de que as cousas se fan ben ou non se fan é algo que ten incorporado o seu ben facer. “Tamén aprendín del a desfrutar do que facemos…”.

Para o mundo empresarial, Antón cre que as sinerxías sempre son boas. “Vivimos da colaboración, en socieade”.

A instancias de Grupo ES. expresa un desexo para o futuro: “Que o grelo se dea a coñecer fóra das nosas fronteiras. É un produto marabilloso”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1