‘Galicia a todo tren’ ofrece a primeira viaxe da ruta dos pazos e xardíns históricos e a do viño de Monterrei

 

Esta edición dispón nove itinerarios ao sumar dous novos, o ‘Termal e do Camiño do Norte a Santiago’ e o da ‘Lamprea e o viño do Condado’.

Esta edición dispón nove itinerarios ao sumar dous novos, o ‘Termal e do Camiño do Norte a Santiago’ e o da ‘Lamprea e o viño do Condado’.


 

Esta mañá o visitante podía subirse, por primeira vez neste ano, ao tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e tamén a do Viño de Monterrei, dous dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos ‘Galicia a todo tren’, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE.

 

A maiores, esta semana chegou a Compostela o tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago. É a primeira vez na historia que este convoi viaxa entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizou a súa primeira saída dende a capital española o pasado 9 de xullo, chegando a Santiago este xoves, e efectuará outra viaxe o vindeiro 6 de agosto.

Esta oferta compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.
Novidades do “Galicia a todo tren” deste verán
Nesta nova edición do “Galicia a todo tren” increméntase a oferta global en 84 prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira tempada, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Ademais, este verán póñense en marcha dúas novas rutas, a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”, que se unen ás sete existentes: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo; a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.

Desta maneira, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outros tantos itinerarios temáticos. Cada unha das rutas pode realizarse nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como paseos en catamarán e o acceso e as visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.
Trens postos en marcha hoxe
Hoxe o tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos realizaba a primeira viaxe desta tempada, iniciando o percorrido en Santiago de Compostela e facendo a primeira parada na estación de Vilagarcía de Arousa. O percorrido inclúe a visita ao Pazo de Rubiáns, tanto aos seus xardíns como ao interior do edificio e á súa adega, acompañando a experiencia cunha cata de viño. A continuación, o visitante tamén visitará o Castelo de Soutomaior e o Pazo de Quiñones, en León. Con esta ruta danse a coñecer pazos emblemáticos que albergan impresionantes xardíns. Este percorrido pon en valor a Ruta da Camelia.

Outra das rutas que efectuaban hoxe o seu primeiro traxecto deste verán é o Tren do Viño de Monterrei, que saía de Ourense opara visitar a exposición ferroviaria da Mezquita e, a continuación, o Castelo de Monterrei, onde se ofrece unha explicación sobre os viños desta denominación de orixe e se visita o Túnel do Viño. Ao remate, o visitante continúa a ruta na adega Terras de Gargalo, onde terá oportunidade de realizar unha degustación de viño. Tamén se inclúe a visita a Verín, ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz, á colexiata románica de Santa María de Xunqueira de Ambía e ao museo Moncho Borrajo de Baños de Molgas.
Outros trens en funcionamento na xornada
Doutra banda, esta mañá os viaxeiros tamén podían subirse ao tren da Ruta dos Faros, que xa estivo en funcionamento os sábados 11, 18 e 25 de xuño e 2 e 9 de xullo. Este percorrido parte de Ferrol e avanza polos sitios máis destacados da costa norte galega. O convoi descubre lugares significativos como Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido, o Cabo de Estaca de Bares ou a Praia das Catedrais. Pódese escoller iniciar a ruta en autobús dende A Coruña, incluíndo despois o regreso, e visitando o exterior da Torre de Hércules, o faro romano máis antigo en funcionamento e declarado Patrimonio da Humanidade.

Outro dos itinerarios dispoñibles hoxe é o da Ruta do Viño de Valdeorras – Ribeira Sacra, que ten o seu punto de saída na estación de Ourense e percorre os territorios de dúas denominacións de orixe, a da Valdeorras e a da Ribeira Sacra, co río Sil como nexo común. Inclúe un cruceiro en catamarán pola Ribeira Sacra e visitas ao Santuario das Ermidas, á Estación e á Aula do Ferrocarril dos Peares e á adega A Coroa, unha das pioneiras na elaboración da uva godello e mencía como monovarietais. Esta ruta xa estivo en funcionamento o 18 de xuño e o 2 de xullo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada