Casián García, director xerente de Celtic Estores Bandalux: “O proxecto está consolidado; é estratéxico para Bandalux; e o resultado foi o apetecido”

“Empecei dende abaixo e fun aprendendo”

Casián García, director gerente de Celtic Estores Bandalux, no hall da fábrica de Moraña.

Casián García, director gerente de Celtic Estores Bandalux, no hall da fábrica de Moraña.

Soña con que un día Moraña, no centro da provincia de Pontevedra, sexa máis coñecida pola empresa de protección solar Celtic Estores Bandalux que polo santuario da Nosa Señora dos Milagres de Amil ou polo carneiro ao espeto. “Somos un sector descoñecido” repite o director xerente, Casián García, desta empresa “familiar” cunha nave de 11.000 metros cadrados que dá emprego a 240 persoas da comarca.

Cando dicimos que Celtic Estores Bandalux está no sector da protección solar, queremos dicir que os seus  produtos son estores, persianas, toldos… As venecianas de aluminio e as enrolables fanse ao cen por cento en Moraña.

Non é o primeiro que se sorprede ao chegar ao polígono morañés de Afieira e ver aquela organización empresarial cunha proxección internacional.

Esta familia galega de catro irmáns que estaba na diáspora decidiu ampliar a empresa e apostou por Galicia para duplicar a produción. Eles xa estaban en Cataluña, en Granollers, onde segue esa fábrica.  Agora –tras 16 anos- a de Moraña é a empresa músculo do grupo -70% da produción- que ten ademáis fábricas en Italia e EEUU. En total os catro centros suman uns 700 empregados. “Temos moitas posibilidades de seguir a crecer”, confirma García.

O director xerente de Celtic Estores Bandalux ten o seu principal negocio na canale ou sector Contrat para a xestión solar de oficinas, edificios públicos e centros comerciales. Como explica Casián, os arquitectos deseñan os edificios con moito cristal e para protexelos do sol Celtic Estores fabrica as cortinas ou estores axeitados, a medida, e en distintas texturas e cores. Así ‘vestiron’ todas as ventás do novo hospital de Vigo Àlvaro Cunqueiro ou torres tan famosas como a Windsor en Madrid e a de Iberdrola en Bilbao ou mesmo a do edificio de Airbus en Tolouse. A canale fogar tamén ten importancia comercial para esta empresa.

A estrela de Celtic Estores Bandalux é, sen dúbida, un tecido chamado Polyscreen®, “un tecido técnico exclusivo con diferentes graos de apertura e opacidade, para manter a intimidade sen perder a visibilidade exterior. Actúa como illante térmico e permite o aforro enerxético”, segundo o web da empresa. Ademais está libre de produtos nocivos para o medio ambiente.

Casián García está orgulloso de estar baixo o selo de garantía de Galicia Calidade. Xunto con todas as Isos “é un control a maiores… Aporta unha referencia á pertenza a unha zona, Galicia, coa que nos relacionan” e que prestixia.

Veterinario de formación, Casián García asumiu o reto de liderar a empresa por encargo dos outros tres irmáns. “Empecei dende abaixo e fun aprendendo”, explica con sinxeleza. Hoxe “o proxecto está consolidado; é estratéxico para Bandalux; e o resultado foi o apetecido”, resume en tres trazos a súa encomenda.

Ao mundo empresarial Casián García dilles que “sabemos facer as cousas”; que debemos ter un sentimento de orgullo; e recuperar o espírito colaborativo natural dos nosos devanceiros” entre homes de empresa.

Dos seus pais aprendeu os valores tan de moda hoxe, di, porque non abundan. O primeiro que aprendeu é a “ser normal” e leal, honesto…

O segredo de Celtic Estores para superar os anos de crise foi ter emprego de calidade, a internacionalización e a marca. Casián confesa que cre moito na marca.

Os seus obxectivos son contundentes: crecer; crear emprego de calidade, estable e na comarca xunto con gañar cota de mercado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1