‘Voaxa e Carmín’, un ser humano non pode someter a personalidade doutro recortando a súa liberdade

Mabel Rivera (Coralia) y Belén Constenla (Maruxa) no papel das Marías de Santiago en Voaxa e Carmín'

Mabel Rivera (Coralia) y Belén Constenla (Maruxa) no papel das Marías de Santiago en Voaxa e Carmín’

A estrea de ‘Voaxa e Carmín’ na MIT Ribadavia foi unha viaxe ás nosas raíces. Un exercicio do máis enxebre que leva un pobo no seu cerne.

As famosas Marías de Santiago amosan nesta obra quen son e que pensan durante os 80 minutos. A autora do texto, Esther F. Carrodeguas, 10º premio Abrente de textos teatrais 2015,  con dous detalles -pasean sempre ás dúas da tarde e mercan Sansón e galletas María- desvela todo o universo feminino maxistralmente interpretado polas actrices Mabel Rivera e Belén Constenla. É unha traxicomedia de dúas vidas que se eclipsan unha á outra e que a imposición e o dominio acaba por desmoroarse xa que non se poden pór portas ao campo.

Grazas ao vídeo recreación de Roi Fernández (SrPause Cinescapismo) os diálogos cobran nova vida e a imaxinación voa ás rúas de Santiago. O espectáculo zumega, así, modernidade que contrasta máis se cabe coa historia de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como as Marías de Santiago de Compostela.

O paso do tempo percíbeo o espectador de tal xeito que semella participar da rutina diaria das Marías e nalgún momento provoca ate fastío, amortecido pola brincadeira dos diálogos. “Maruxa e Coralia saen da casa maquilladas ata a extenuación e vestidas a toda cor dispostas a dar o seu habitual paseo das dúas polas rúas de Compostela. Pasear, saudar, mercar Sansón e galletas María, piropear os mozos, insultar as mozas…”, segundo se recolle na presentación.

Ata o terceiro cadro o peso da obra lévao maxistralmente Belén Constenla cun excelente acompañamento e reforzamento no seu papel de Maruxa. Logo no último cadro Rivera corre con todo o peso da obra e xorde outra actriz xigante na súa interpretación á altura da anterior e en menos tempo. Co efecto do viño Sansón, Coralia (Mabel Rivera) saca de dentro dela todo o que agochou ou non quixo ver a súa protectora irmá Maruxa (Belén Constenla).

Aparece, entón, a Coralia con personalidade propia, segura de si mesma, con criterios de comportamento maduros…, ata o momento eclipsados pola irmá que exercía unha protección de conveniencia, baseada en criterios hipócritas e cambiantes. Esta escena da praia amosa unha Mabel Rivera plenamente desinhibida capaz de dar un alto ton teatral por si mesma e como en toda a obra, coa linguaxe corporal –os seus acenos son parte inseparable do que di- e coa verbas e aínda cos pequenas interxeccións. Desborda paixón pola vida que non viviu, polos formalismos hipocrisías aos que estivo sometida e bótalle en cara o proteccionismo ‘maternal’ de Maruxa.

En certa medida é unha crítica á sociedade da época chea de convencionalismos e hipocresías coa complicidade dos seus membros. Coralia desvela que Maruxa é coma ela, na realidade non hai diferencia, tan só nas formas.

‘Voaxa e Camín’ esconde unha lección de que a falta de liberdade  é irreprimible no ser humano. Máis tarde ou máis cedo acaba por se pinchar o globo e saír ao exterior. Maruxa impón gustos e pareceres que, ao comezo da obra, Coralia  asume con gusto e con graza –hai moita retranca nos diálogos-. Pero chega un momento no que todo isto a afasta da irmá que repite constantemente que o importante é que estean unidas. Canto máis o proclama, a fenda entre as dúas é maior.

Ao remate da obra, xa sabemos máis de quen eran as Marías de Santiago de Compostela e a relación entre as dúas e o viciada que estaba a sociedade que as rodeaba impedíndolles ser elas mesmas. A lección é trasladable aos nosos días.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada