A carne fresca de vaca e boi de Galicia contará cunha Indicación Xeográfica Protexida propia para preservar e poñer en valor estas producións

Publícase no Boletín Oficial del Estado a resolución da Xunta pola que se dá publicidade á solicitude de rexistro desta IXP

Angeles VázquezA carne fresca procedente das vacas e bois de Galicia contará cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) propia, que servirá para preservar e poñer en valor estas producións. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia deste recoñecemento nunha visita a unha explotación de vacún de carne na localidade lucense de Cospeito. Precisamente hoxe publícase no Boletín Oficial del Estado (BOE) a resolución da Xunta pola que se dá publicidade á solicitude de rexistro desta IXP.

A titular de Medio Rural lembrou que o pasado día 22 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia a solicitude de inscrición no rexistro comunitario desta IXP, que xurde a iniciativa de Ternera Gallega. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona.

Canto ás características técnicas do produto amparado por esta Indicación, a carne deberá presentarse refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterízase por ser unha femia con ao menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade antes do sacrificio.

Esta IXP abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse na nosa Comunidade, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto. Ademais, establecerase un consello regulador único para as indicacións xeográficas protexidas da tenreira galega e da carne de vaca e boi, co fin de manter unha relación entre estes dous selos de calidade.

A explotación que hoxe visitou a conselleira é de reprodución para produción de carne, con animais de raza Rubia Galega. Ten un censo de 21 animais. É unha explotación extensiva de 45 hectáreas que conta tamén con gando ovino.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada