A adega Campante conseguiu un crecemento de máis do 40% nas vendas aos mercados internacionais nos últimos anos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade ourensá a adega Campante, do grupo empresarial Reboreda Morgadío, con presenza en 15 países dos que o principal mercado é Estados Unidos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade ourensá a adega Campante, do grupo empresarial Reboreda Morgadío, con presenza en 15 países dos que o principal mercado é Estados Unidos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na visita que desenvolveu en Toén á adega Campante, do grupo empresarial Reboreda Morgadío, a importante proxección da industria vitivinícola galega cara ao exterior. Neste sentido, avogou por continuar este camiño para que as empresas do sector gañen “máis peso” nos mercados internacionais a través da innovación e da calidade do produto.

O titular de Economía puxo en valor que moitas empresas deste sector están a levar as mellores referencias vinícolas galegas por todo o mundo e, así, lembrou que a exportación de viños na comunidade creceu no último ano un 10%, destacando o caso concreto da adega Campante, cun crecemento de máis do 40% nas vendas aos mercados internacionais nos últimos anos. “É a vía pola que temos que seguir crecendo. Debemos seguir apostando pola innovación, centrados na calidade, e cun obxectivo clave como o da internacionalización”, engadiu.

Conde destacou a importancia da internacionalización do tecido empresarial galego a través da mellora da súa competitividade, o que contribúe tamén a ser un motor na xeración de emprego de calidade. Así, puxo como exemplo o grupo Reboreda Morgadío, que a través de tres xeracións e máis de 75 anos de traballo acadou expandirse desde Toén e Crecente ao resto do mundo. Na actualidade, ten presenza en 15 países dos que o principal mercado é Estados Unidos, exportando viños das Denominacións de Orixe Ribeiro e Rías Baixas, ademais de diversos tipos de licores.

Para apoiar a internacionalización das empresas galegas, a Xunta ten en marcha o programa Galicia Exporta, que enmarcado na Estratexia de Especialización da Empresa galega 2020, inclúe apoios para misións empresariais, a participación en feiras ou proxectos de implantación promocional e prospección. Así mesmo, o Goberno galego ten activo o plan de promoción internacional de viños galegos en colaboración coas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra e con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que se centra no mercado alemá.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada