O DOG publica hoxe as axudas para o mantemento do emprego dos 2.000 traballadores con discapacidade dos 114 centros especiais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas por valor de 8,5 millóns de euros para o mantemento do emprego dos 2.000 traballadores e traballadoras dos 114 Centros Especiais de Emprego (CEE) de Galicia. A través destes apoios, a Administración autonómica financia o custo salarial dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos CEE, cun importe do 50% do salario mínimo interprofesional.

Nesta orde convócanse as subvencións do custo salarial dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de setembro de 2017. O prazo de presentación de solicitudes, con carácter xeral, é dun mes dende o día seguinte á publicación da orde no DOG, polo que rematará o 24 de setembro de 2016.

Non obstante, para os centros que soliciten a súa cualificación e/ou inicien a súa actividade; ou que amplíen a cualificación polo apertura dun novo centro noutra provincia, o prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de xuño de 2017.

Esta convocatoria de axudas enmárcase nun paquete de medidas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social. Deste xeito, recentemente tamén se publicaron no DOG apoios por 1,3 millóns para impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade.

En concreto, a convocatoria de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria está dirixida a financiar a creación e ampliación dos postos de traballo dos Centros Especiais de Emprego (CEE) e á contratación de persoal de apoio para as persoas con discapacidade severa, as coñecidas como as unidades de apoio. A contía global destas axudas aumenta con respecto ao exercicio anterior nun 3%. Estímase poder beneficiar a 430 persoas con discapacidade.

Esta iniciativa inclúe, por unha banda, axudas para fomentar proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal dos CEE, que na actualidade aglutinan a 2.000 traballadores e traballadoras en 114 centros. A contía máxima dos apoios pode achegarse ata os 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido para persoas traballadoras con discapacidade. O prazo para presentar as solicitudes a este programa continúa aberto rematando o próximo 30 de setembro.

En segundo lugar, esta actuación contén axudas ás unidades de apoio financiando parcialmente o custe dos profesionais que axudan no seu traballo ás persoas cunha discapacidade severa. Nesta orde, Galicia duplica as contías das subvencións establecidas na normativa estatal, de 1.200 euros a 2.400 euros por persoa traballadora con discapacidade apoiada. Para iso, aumenta o orzamento para este programa con respecto ao exercicio anterior nun 72%. O prazo para presentar as solicitudes finalizará neste caso o próximo 12 de setembro.

Veñen de publicarse tamén os incentivos ás empresas de inserción laboral para o que o Goberno galego destina 210.000 euros. En global, a Xunta investirá 10 millóns de euros en tres programas de axudas para impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, que se incrementan con respecto ao ano pasado en preto dun 7%.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada