Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra de Miño: “A Festa do viño do Condado é unha festa cómoda”

Do pregoeiro, Josemi Rodríguez-Sieiro y Rodríguez-Vila, Arturo destaca que “é un gran comunicador”

 

“Imaxinación e traballo” aquí radica o segredo para que o Concello de Salvaterra de Miño consiga o éxito que ten para organizar a Festa do Viño do Condado, a Festa do Espumoso, as múltiples actividades do Verán Cultural e, por vez primeira, este ano a Festa-Exposición da Orquídea. O equipo de concelleiros e os funcionarios fan posible toda esta organización. Así resume o alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, o pulo desta vila que mantén o apelido ‘Miño’.

Nesta fin de semana, precisa Grandal, coa Festa do Viño do Condado van pasar máis de 50.000 visitantes por Salvaterra. Xente que vai desfrutar dos seus viños, Condados e Albariños da DO Rías Baixas xunto cos produtos gastronómicos da comarca. Ademais poden contemplar a vila. Unha vila “aberta ao Miño” cos seus 10.000 habitantes. “Un dos municipios con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante” e, engade Grandal, con sendeiros que percorren as orelas de tres ríos (Miño, Tea e Caselas) e rutas conectadas entre si.

Para Arturo Grandal también formar parte dunha eurocidade é unha vantaxe. Monçao e Salvaterra están unidas por unha ponte internacional de 250 metros. Para o alcalde máis que unha ponte é “unha rúa”z que une as dúas vilas; cos 20.000 habitantes de Monçao a Eurocidade, na que se comparten servizos, suma 30.000.

Tamén salienta o alcalde o bo clima de Salvaterra que axuda a facer realidade ese lema de ‘Salvaterra, un xardín sobre o Miño’, exhibido en distintos lugares da vila.

Se de algo se amosa orgulloso Grandal é do lugar onde agora falamos, as Covas de Dona Urraca. O Concello comprou o Castelo de Salvaterra coas súas murallas case en ruínas e rehabilitou o conxunto. Hoxe é un lugar onde se celebran os actos máis importantes como mañá o Capitulo Xeral da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos.

Todo isto o traballo desenvolto durante varias lexislaturas ao fronte do Municipio explícao, cun plural de modestia, porque “nacemos aquí, vivimos aquí e sentímolo”. Arturo Grandal considera un privilexio puidese pór en marcha as ideas que tiña para mellorar a vila.

Presume de que Salvaterra de Miño non perde habitantes e que ten unha poboación moi nova. Tamén das iniciativas turísticas e gastronómicas así como dos polígonos industriais que xeran postos de traballo.

Centrándonos na Festa do Viño do Condado, o alcalde fala do pregoeiro que mañá lerá o pregón na praza do Castelo. De Josemi Rodríguez-Sieiro y Rodríguez-Vila, Arturo destaca que “é un gran comunicador”. Unha persoa con gran audiencia radiofónica –Onda 0-, “moi seguido en España”, apostila. E agradece o que Josemi vén falado nas últimas semanas de Salvaterra no seu espazo radiofónico. Subliña que é vigués.

Para rematar, Arturo Grandal fala de calidade de vida en Salvaterra. Por iso a Festa do Viño do Condado conta coas Noites Gastronómicas onde unha familia pode vir, sentar e ocupar unha mesa degustando viño e produtos gastronómicos da comarca. Nun enclave como é o recinto do Castelo e co frescor que proporciona a proximidade do río Miño. “Esta é unha festa cómoda. O que vén, volve”, di o alcalde xunto con outras cousas para as que cómpre ver o vídeo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada