O valor económico das descargas de polbo en Galicia supera os 2,6 millóns de euros

A conselleira engadiu que tanto a facturación como o volume de descargas superan en máis do dobre aos do ano pasado, que entre o inicio da campaña e o 31 de agosto foi de preto de 173 toneladas, cun valor económico de máis de 1 millón de euros

Quintana

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do Proxecto de avaliación do polbo, realizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta tarde en Ames na presentación do Proxecto de avaliación do polbo, realizado pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Alí destacou que o valor económico das descargas de polbo en Galicia dende o inicio da campaña a principios de xullo ata o 31 de agosto é o máis alto dende o ano 2010, superando os 2,6 millóns de euros.

Esta cifra correspóndese con preto de 436 toneladas descargadas deste cefalópodo nas lonxas de Galicia. Ademais a conselleira engadiu que tanto a facturación como o volume de descargas superan en máis do dobre aos do ano pasado, que entre o inicio da campaña e o 31 de agosto foi de preto de 173 toneladas cun valor económico de máis de 1 millón de euros. En xeral, destacou, subiron considerablemente as capturas e mantéñense os prezos a pesar de que hai máis produto no mercado.

En relación ao proxecto sobre a avaliación do polbo presentado pola Federación Galega de Confrarías, Rosa Quintana valorouno positivamente e neste sentido subliñou que son benvidas todas as aportacións para avanzar no futuro do sector. Por iso, engadiu, dende a Consellería do Mar apoiamos esta iniciativa, que promove o debate entre administración, científicos e sector e que ten como fin impulsar a pesquería e comercialización do polbo.

En canto ao control e xestión da pesquería, a titular de Mar lembrou que é o propio sector o encargado de controlar, solicitar á Consellería do Mar os elementos identificativos que levan cada nasa e cada cacea e distribuílos entre os armadores das embarcacións autorizadas para faenar con nasa para polbo. Deste xeito, explicou a conselleira, buscamos implicar ao sector na responsabilidade do labor de control da pesca para evitar a sobreexplotación de da especie e acadar unha mellora na súa situación. Ademais, engadiu, coa implicación do sector, búscase axilizar a xestión xa que se evitan diversos trámites administrativos.

O PROXECTO

O proxecto sobre a pesqueira do polbo en Galicia está impulsado pola Federación Galega de Confrarías coa colaboración da Organización de produtores da pesca artesanal e o marisqueo de Galicia (Opaga) e financiado pola Consellería do Mar. O seu obxectivo é pór sobre a mesa aspectos sobre a xestión deste recurso e avaliar a situación da pesqueira para obter propostas consensuadas que redunden na mellora da súa xestión da súa trazabilidade.

Este proxecto comprende un traballo de análise e estudo de novas propostas de xestión, a través dunha enquisa dirixida ao sector e dun debate zonal sobre as principais cuestións que xurdiron. A última parte consiste na organización dun Seminario en Santiago de Compostela en outubro, no que se abordarán as propostas que xurdiron nas enquisas e nas reunións zonais. Tamén se fará un traballo de análise conxunta entre todos os actores para intentar consensuar novas fórmulas de xestión.

A este seminario a Federación Galega de Confrarías convida a representantes do sector e da administración doutras comunidades autónomas de España (Cantábrico e Andalucía) e de Portugal con interese na pesca do polbo para analizar o que se está a facer en cada zona.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada