A porta que abre ao mundo rural

A pintora Ehlaba Carballo co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Cultura Hortensia Bautista.

A pintora Ehlaba Carballo co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Cultura Hortensia Bautista.

Unha porta é un organismo vivo. Sofre evolución. Na arquitectura popular fala incluso da propia construción e ata revela trazos dos seus moradores. Nas portas fixáronse a pintora Ehlaba Carballo e o fotógrafo Riobó Prada. Andaban a procura de portas con personalidade. Atoparon unha no barrio ponteareán da Ponte e pensaron que lles podía servir. Alá polo 2010 comezaba este proxecto expositivo de Ehlaba e Riobó.

Exposición: ‘Unha porta do Rial’

10 cadros (óleo sobre lenzo) e 14 fotografías

Datas: 7-30 setembro. Horario: polas mañás (martes a sábados) e tardes, sempre que haxa actividades.

Inauguración: xoves, 8 setembro, ás 20.00 horas

Lugar: Auditorio Reveriano Soutullo, Ponteareas.

 

A vida artística levounos logo a Ourense porque –como recolle o catálogo- “o artista é sempre un perseguidor da beleza”-. En Ourense, provincia natal de Ehlaba, atoparon en Maceda, na pequena aldea semiabandonada de Rial, unha porta tan singular  que tiña historia propia así como unha “magnifica pechadura” (que durante o proxecto foi roubada) e “as aberturas que o tempo e a man do home deixaron nela”- que  acordaron estes artistas que sería o obxecto enteiramente da exposición. E así foi.  ‘Unha porta do Rial’, que ademais estaba vinculada coa pintora. Esa porta era “da casa de Elena, a filla do Casal. Este home marchou a Cuba  de emigrante e fixo unha gran fortuna. Envíaballes cartos ás súas fillas para que reformasen e ampliasen a súa casa e así o fixeron”.

Por iso, ‘Unha porta do Rial’ é unha reivindicación do mundo rural, unha chamada de atención, unha reflexión sobre o rural. A badalada de Ehlaba e Riobó para evitar o abandono do noso patrimonio.

A pintora Ehlaba Carballo, durante a rolda de prensa, en Ponteareas.

A pintora Ehlaba Carballo, durante a rolda de prensa, en Ponteareas.

Na presentación de hoxe en Ponteareas, no auditorio Reveriano Soutullo,  a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, dixo que a “historia desta porta debe levarnos a unha reflexión sobre o rural e o seu desmantelamento”.

Pola súa parte a pintora Ehlaba Carballo explicou como coñeceu de nena esa porta que estaba nova e foi vendo “o seu deterioro ao longo do tempo”. Para a autora dos cadros este proxecto foi “ocasión de reencontrarse cos recordos da infancia; co recordo dos devanceiros e cos veciños que había anos que non falaba con algún deles”.

O alcalde, Xosé Represas, instou a reparar en que a exposición é “unha homenaxe ao rural” que sofre un despoboamento. É unha forma de recoñecer “o noso patrimonio”, dixo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada