Os portos deportivos autonómicos acadaron en agosto o récord histórico de embarcacións en tránsito con máis de 3.000

baionaOs portos deportivos de titularidade autonómica recibiron durante o pasado mes de agosto un total de 3.060 barcos en tránsito, unha cifra que o sitúa como o mellor mes historicamente neste tipo de actividade. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na estación marítima de Vilanova de Arousa, un dos peiraos no que se reflectiron os bos resultados globais.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, durante o mes de agosto as dársenas deportivas dependentes da Xunta de Galicia experimentaron un incremento de tránsitos do 33% respecto ao mesmo período do ano pasado. Estas cifras ratifican a tendencia que se viña mantendo xa dende o inicio do verán e que se constatou na subida do 12% interanual o pasado mes de xullo.

Na súa visita a Vilanova, o presidente de Portos detallou os datos de tránsitos referentes ás Rías Baixas, en concreto aos portos das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, comprendidos entre Ribeira e Baiona. Neste sentido, indicou que nas tres rías se recibiron durante o mes de agosto 1.789 barcos, un 33% máis que o pasado ano. A ría que rexistrou mellores resultados foi a de Pontevedra, con 563 tránsitos, un 25% máis que en 2015; e a que experimentou maior incremento foi a de Vigo, cun 67% de suba. En canto ao municipio con mellores resultados, ao igual que no mes de xullo, foi o de Baiona, con 416 tránsitos entre os dous portos deportivos da localidade.

Os resultados das Rías Baixas veñen ratificar os do conxunto de Galicia e consolidan o auxe desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso e que no que vai de verán está a marcar cifras récord. Neste sentido cómpre lembrar a forte repercusión económica que supón para as vilas portuarias esta actividade que beneficia non só ao sector náutico e auxiliar senón tamén ao dos servizos, hostalería e comercio.

Dada esta positiva repercusión, para a Consellería do Mar a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a próxima participación da Consellería en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, ou o Salón Náutico de París.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada