‘De tapas por Galicia’ culminará cun concurso no que se decidirá o mellor petisco galego

Disporá dun autobús informativo que fará un percorrido polas principais cidades de Castela e León, Asturias, Cantabria e Portugal

O vindeiro venres día 9 Lugo acolle o inicio deste ciclo de gastronomía que rematará o 27 de novembro en Santiago de Compostela.

O vindeiro venres día 9 Lugo acolle o inicio deste ciclo de gastronomía que rematará o 27 de novembro en Santiago de Compostela.

Co obxectivo de difundir os valores da gastronomía galega a través da celebración do certame ‘De tapas por Galicia’, que inicia a súa edición 2016 o vindeiro venres en Lugo, a directora de Turismo de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, presentou hoxe en Madrid este ciclo gastronómico que acollerán as sete grandes cidades da Comunidade galega ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro.

‘De tapas por Galicia’ é unha iniciativa do departamento de Turismo da Xunta, en colaboración cos organizadores dos certames das cidades galegas, que supón a unión dos concursos e ciclos que tradicionalmente se veñen celebrando ao longo do outono nas cidades galegas, baixo un mesmo paraugas e que preserva a personalidade individual de cada un deles.

Así o manifestou está mañá en Madrid Carmen Pita, quen apuntou tamén que desde o punto de vista turístico este programa gastronómico ten como obxectivo “promover o noso turismo urbano e a nosa gastronomía, fomentando a visita do resto de españois e tamén os portugueses ao nos territorio, nunha época na que tradicionalmente a demanda turística é menor”.

Pero tamén –explicou a directora de Promoción de Turismo de Galicia-, “é unha celebración, unha exaltación da nosa identidade, recoñecida fóra das nosas fronteiras como o demostra que a gastronomía ocupe o segundo lugar no ránking de motivacións dos turistas para escoller Galicia como destino”.

E así, engadiu Carmen Pita, “puxemos o foco na organización e promoción da nosa oferta enograstronómica, e máis concretamente na posta en valor conxunto dun tipo de gastronomía alcanzable e urbana que en Galicia desenvolveuse de xeito excepcional nos últimos anos”.

‘Sete cidades, sete sabores’

Baixo o lema ‘Sete cidades, sete sabores’, a partir do venres día 9 de setembro comezará o certame ‘De tapas por Galicia’, co concurso ‘De Tapas por Lugo’ que, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, se estenderá ata o día 25 deste mesmo mes nos restaurantes e locais hostaleiros da Cidade das murallas, con premios outorgados polo público e por un xurado popular.

Máis tarde, entre os días 16 de setembro e 2 de outubro, a cidade da Coruña acollerá a XIII edición do certame de tapas ‘Picadillo’, con premios á mellor tapa tradicional mellor tapa creativa e o premio Picadillo Cidade da Coruña.

A cidade de Ourense será o lugar de celebración do concurso de pinchos ‘Sabores de Ourense’ entre os días 25 de outubro e 13 de novembro. Este certame está organizado pola Concellería de Turismo de Ourense e pola Unión de Hostaleiros Ourensáns e outorgará tres premios diferentes ás mellores tapas.

Entre os días 3 e 20 de novembro, Pontevedra, co apoio da Concellería de Promoción, acollerá o concurso ‘Pontedetapas’, con premios á mellor tapa tradicional, á mellor tapa creativa, ao mellor cóctel e un premio do público á mellor tapa da cidade.

Ferrol celebrará o seu concurso de tapas entre os días 10 e 20 de novembro, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, con tres premios outorgados por un xurado e un cuarto decidido polo público.

Restaurantes, bares e outros locais de hostalaría de Santiago acollerán entre os días 11 e 27 de novembro unha nova edición do concurso ‘Santiago (é) tapas’, organizado polo Concello e a Asociación Hostalaría Compostela con tres premios para a mellor petisco, premio á mellor tapa elaborada con conservas, tapa do público e a distinción‘(é) excelente’

Por último, a Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra edición coa colaboración do Concello, organizará en Vigo, entre os días 17 e 20 de novembro o concurso de tapas ‘O petisquiño’, que este ano celebra a súa terceira e outorgará catro premios ás tapas popular, enxebre, innovadora e ‘riquiña’.

A campaña ‘De tapas por Galicia’ rematará cunha gala organizada por Turismo de Galicia na que se elixirán os mellores petiscos desta edición dentro dos gañadores de cada un dos sete certames.

Promoción

Co obxecto de difundir o programa ‘De tapas por Galicia’ entre os cidadáns de Madrid, as comunidades autónomas limítrofes e o Norte de Portugal, Turismo de Galicia realizou unha presentación aos medios de comunicación especializados na capital de España, e disporá dun autobús informativo que fará un percorrido polas principais cidades de Castela e León, Asturias, Cantabria e Portugal.

Deste xeito, este vehículo estará hoxe na Porta do Sol de Madrid, mañá en Ávila, o día 9 en Salamanca; o día 10, en Valladolid; o día 11, en Santander; o día 12, en Xixón; o dái 13, en Oviedo; o día 14, en León; e os días 15 e 16 de setembro, en Braga e Oporto.

Outras accións

Ademais, Turismo de Galicia dispuxo a web detapasporgalicia.com que inclúe toda a información sobre este certame de promoción gastronómica.

Turismo de Galicia tamén sorteará sete estancias de fin de semana na Comunidade galega, con noite de hotel e cea gourmet, entre os participantes no concurso ‘De tapas por Galicia’, a través da súa conta de Facebook para incentivar a participación neste certame.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada