Alonso Feijoo, xerente de Quesos Feijoo: “Facer queixo é moi doado, sinxelo; o complicado é facelo mellor cós outros”

“Galicia Calidade é todo un referente para entrar noutros mercados”

IMG_6232

Julio J. Alonso Feijoo, na cámara da queixería onde garda os queixos de tetilla que fabrica baixo o selo de garantía de Galicia Calidade.

É un verdadeiro emprendedor aínda que a súa herdanza sexa unha empresa que xa está na quinta xeración. Apaixonado co mundo do queixo, loitador nato, está cheo de ilusión por chegar a novos mercados como EEUU, Gran Bretaña, Alemaña desde a parroquia de Acevedo del Río, en Celanova, Ourense. 

Vendeu co seu avó miles de queixos. Manuel Feijoo Martínez foi o seu mestre xunto coa avoa, Celsa Defina Hierro. Cando o avó volveu de Guinea formalizou o negocio como industria, alá por 1974, creando a marca Quesos Feijoo.

Recollía desta volta o ‘know how’ Feijoo Martínez dos comezos da empresa, en 1949,  que liderou Talita Hierro García, prima do bisavó de Julio. Ela fundara dúas queixerías en Celanova e outra en Ramirás. Sucedeulle no negocio Jesús Hierro, o pai da bisavoa de Julio.

Julio José Alonso Feijoo está orgulloso de facer “queixo ao máis puro estilo galego”. Para el non hai formas distintas de Denominación de Orixe Protexida porque o queixo facíase por igual nos mosteiros galegos como o de san Salvador de Celanova. E de aí, alguén o transmitiu á súa familia. Conclúe: “A forma non é exclusiva de ninguén”.

Ademais do queixo de tetilla con pezas dun quilogramo e cunha base característica, que Quesos Feijoo vén facendo dende antes de 1949, elabora queixos do país de 500 e 800 gramos e de 1,5 quilogramos. “Estes funcionan ben e fanse con agarimo e amor”, sinala Julio.

Este queixo de tetilla está baixo a Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla e co selo de garantía de Galicia Calidade. “Para min, é unha grande honra”. Julio bota contas de que a marca de Galicia Calidade vai axudarlle a chegar a mercados nos que hoxe aínda non está Queixos Feijoo como Madrid, Barcelona e Valencia. “Galicia Calidade é todo un referente para entrar neles”, afirma. Este emprendedor ve na entrada en Galicia Calidade unha especie de “premio ou obsequio aos meus avós”.

O xerente de Quesos Feijoo está especialmente ilusionado con outra liña de queixos semicurados que está a facer dende a década dos anos 90. Son queixos feitos con leite de vaca (70%) e de ovella (30%). “É o queixo ibérico… suave, con leite de ovella pero sen ser moi forte”. Julio cre que esta é a nova demanda do mercado. Ao consumidor “gústalle con esa graza”, di. Tamén elabora un semicurado de cabra (30%) e vaca (70%). O leite ten que mercalo noutras zonas leiteiras de España como Zamora.

Este rapaz é un bo comunicador. Fala do queixo ‘philadelphia galego’, isto é, o requeixo. Elaborado con leite de vaca, no seu caso, pasteurizado. Que non hai que confundir co ‘requesón’. “É o que se coñecía como leite mazado, leite trillado ou leite trallado”. Julio lembra o que lle contan os maiores. “Era o leite que quedaba no caldeiro despois de que o leiteiro pasara a recoller e que se deixaba quedar ao lado da lareira ou da cociña de ferro. Cortábase e logo metíase nun trapo a escoar  para o día seguinte comer como manteiga”.

Aos seus 34 anos, Julio José admite que naceu nunha queixería e os seus xoguetes, cos que enredaba, eran os cacharros cos que andaba. Para el a palabra “queixo” encerra “un sentimento, unha paixón”. E sentencia: “Facer queixo é moi doado, sinxelo; o complicado é facelo mellor cós outros”. O obxectivo é darlle un toque de modernidade á elaboración dos queixos respectando a tradición. Por outra parte, recoñece que “todo está inventado”. Iso si, está confesa que “cre que o seu produto é bo e de calidade”.

Julio caracterízase polo seu afán por aprender dos seus maiores aos que escoita con gusto e procura transmitir ese saber fóra das nosas fronteiras cando asiste a feiras do queixo noutras partes de España. “Alí apréndese e compártese” con outros queixeiros.

Soña este queixeiro técnico de calidade en ser tan coñecido que algún día lle chegue un whatsapp dalgún emigrante galego dende EEUU ou Alemaña, por exemplo, cunha foto dos seus produtos.

Dos valores que lle inculcaron os seus país, Manuela Feijoo Hierro e José Manuel Alonso Bernárdez, destaca “o tesón, non desistir endexmais, seguir a pelexar”.

A mensaxe ao mundo empresarial lácteo é traballar todos unidos como o fan noutros países como Francia. Julio cre que en España hai moito empresario que vai por libre e así non se consegue un obxectivo para todos.

Tamén reivindica que os grandes grupos de alimentación galegos conten máis coas pequenas empresas e non se fixen tanto nos prezos.

Problemas técnicos na gravación impídennos ofrecer o vídeo completo da entrevista

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada