A Xunta aproba a creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia

 

O Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao texto do anteproxecto de lei para a creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, como corporación de dereito público con personalidade xurídica propia.

 

O ámbito de actuación do colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e agrupará aos profesionais que estean na posesión do título universitario de diplomado en Nutrición Humana e Dietética ou calquera outra titulación oficial equivalente á anterior, recoñecida ou homologada pola autoridade competente.

 
O texto establece que o exercicio da profesión con domicilio profesional único ou principal en Galicia requirirá a incorporación ao colexio oficial cando así o estableza unha lei estatal; o que configura actualmente a colexiación como voluntaria, ao non existir unha norma estatal que estableza a súa obrigatoriedade.

 
A plena capacidade do colexio será efectiva unha vez que se designen os seus órganos de goberno. Apartir da entrada en vigor da lei, crearase unha comisión xestora que terá un prazo de seis meses para aprobar uns estatutos provisionais nos que se regularán a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituinte.
Inmediatamente despois, esta asemblea disporá doutros seis meses para elaborar e aprobar os estatutos definitivos, que serán aprobados pola Xunta e publicados no DOG; e convocar eleccións aos órganos colexiais: presidente e membros da Xunta de Goberno.

 
Actualmente, as comunidades de Navarra, Illas Baleares, Aragón, Castela León, Valencia, Pais Vasco, Murcia, Andalucía, Castela-A Mancha e Cataluña xa contan conm colexios profesionais de dietistas e nutricionistas, e máis recentemente, mediante a Lei 19/2014, do15 de outubro, creouse o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Dietistas-Nutricionistas.
Polo tanto, o anteproxecto de lei que aprobou o Consello da Xunta esta mañá implementa iniciativas xa adoptadas noutros ámbitos territoriais para satisfaceras demandas dos profesionais da dietética e a nutrición, na súa función de contribuír á mellora da saúde a través da alimentación.

 

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada