A Xunta de Galicia respalda a presenza da náutica recreativa galega no salón sectorial de La Rochelle, en Francia

Grand_PavoisA Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia coordina este ano a presenza de representantes de oito entidades xestoras de instalacións náutico recreativas autonómicas no salón sectorial Grand Pavois que se celebra na ciade francesa de La Rochelle. O ente público colabora cos xestores dos portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia para coordinar a representación galega no posto que a Axencia de Turismo de Galicia ten neste evento promocional que se celebra estes días. Nesta ocasión os participantes son os representantes dos clubs náuticos de Ribadeo, Viveiro, Camariñas, Muxía, Combarro (Poio), San Vicente do Mar (O Grove), Vigo e Baiona.

O Grand Pavois, celebrado por primeira vez en 1973, aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Neste marco, a Consellería do Mar impulsa a promoción da oferta de turismo náutico na nosa comunidade mediante a súa presenza institucional no evento. Xunto aos departamentos autonómicos, a comitiva galega reúne a representantes municipais e operadores dos principais portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia.

A proposta da Consellería baséase no establecemento de sinerxias entre os diferentes peiraos autonómicos para aunar o conxunto das potencialidades náuticas da nosa comunidade nunha oferta comercial común. Con esta finalidade os axentes e operadores do sector están a avanzar nas diferentes especializacións de cada un de xeito que poidan integrarse nunha proposta global máis competitiva de cara ao exterior.

O obxectivo último da representación galega no Grand Pavois pasa polo establecemento de contactos comerciais e posibilidades de negocio internacional entre as entidades náuticas galegas e outras presentes na feira, nomeadamente as do sur de Francia, Reino Unido e Europa mediterránea. Con este fin, a Consellería do Mar afondará de novo nesta edición nas relacións empresariais xa perfiladas coa presenza na cita en anos anteriores.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada