Gallego Pereira, auténtico polbo galego das rías de sabor ‘amariscado’

Todo el equipo de Gallego Pereira desplazado a Conxemar.

Todo el equipo de Gallego Pereira desplazado a Conxemar.

A historia de Gallego Pereira é a peripecia vital dun camariñán que se defíne  como “con  ganas de traballar sempre” e “traballando moito”. Ademais, “son persoa moi optimista; sempre penso que saio para diante…; e non me queixo, estou contento”. Tras estas palabras agóchase moito sacrificio. Paco Gallego chegou de Suíza onde estaba emigrado e quixo montar un negocio en Camariñas.

Optou polo polbo como negocio –para el ‘pulpo’ como o chamou toda a vida- e empezou buscando clientes entre bares e tendas.

Hoxe son grandes cadeas as que distribúen o seu polbo conxelado –Alcampo, Grupo Gadisa, Grupo Eroski…-. Gallego Pereira merca só polbo das rías en lonxas galegas –Cangas, Bueu, Porto do Son, Camariñas, Lira, Corcubión..- e conclúe Paco Gallego cun “estamos aí”.

É, como bo galego, discreto e respectuoso. Cando se lle pregunta por como se pode distinguir un bo polbo das rías, sae pola tanxente cun “aínda estou aprendendo”. E logo engade que os mellores meses para mercar o cefalópodo son setembro, outubro, novembro e decembro. E o gran segredo pode ser este: “o polbo haino que conxelar no día”. Logo o produto ten dous anos para ser consumido en óptimas condicións, se se conxelou ben: nun túnel de conxelación a menos 40 graos e o máis rápido posible, explica.

Recoñece Paco Gallego que non é doado traballar co polbo das rías e que o que o distingue é o seu sabor amariscado. O seu fillo, Javier Gallego Pereira, o xerente da empresa, engade que o polbo das rías está “nas pedras comendo marisco” e “que este cefalópodo é o que come”. E remata: “Por iso ten un sabor amariscado”.

Gallego Pereira está a empezar a comercializar outro cefalópodo, o choco, que ten unhas condicións semellantes. Outro produto a piques de empezar a venderse é a castaña asada conxelada. Son dúas novas liñas empresariais de Gallego Pereira.

Cando lle ofreceron unha certificación de calidade, Paco dixo que el a que quería para Gallego Pereira era a de Galicia Calidade da que tiña coñecemento por ter lido sobre ela. “Se non era esa certificación, non quería nada” E así xurdiu o selo de calidade nos seus produtos.

Javier explica tamén como o selo de garantía de Galicia Calidade dalles un gran empuxe a nivel nacional e internacional, porque é unha garantía que avala o noso produto como bo e procedente das rías galegas”.

Como as capturas cada ano varían, Gallego Pereira ten sempre un stock. Desde abril ata decembro fanse as compras para conxelar, previo lavado da peza. ¡E máis nada!

Javier di que a mellor forma de comprobar a calidade da mercancía é probala. “Entón é cando se ven as diferenzas”. Polo tanto anima aos compradores a someter a esta proba un cefalópodo das rías galegas cun exemplar doutras augas. E conclúe: “O polbo xa marca as diferenzas”.

Aos empresarios do sector trasládaslle Javier Gallego unha mensaxe que “tratemos de explotar o mellor posible o mundo do conxelado, respectando as tallas dos produtos do mar de xeito que poidan medrar e así vivir ben todos os do sector”.

Deixamos Conxemar que chegan os seus clientes e cómpre que Paco e Javier os reciban e os obsequien cun bo polbo acompañado dun bo viño branco. Todo o persoal do estand está a traballar para facer a vida agradable aos clientes que os visitan.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1