A Xunta destina 1,1 millóns de euros para crear novos proxectos de aceleradoras sectoriais

aceleradorasO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para un programa pioneiro da Consellería de Economía, Emprego e Industria relativo a axudas ás aceleradoras para apoiar ao emprendemento innovador en Galicia e contribuír a potenciar a investigación e a mellorar a competividade das pemes galegas.

A Xunta destina 1,1 millóns de euros para esta iniciativa. En concreto, Gain dedica un orzamento de 500.000 euros a este programa aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e co que ten previsto colaborar cun mínimo de catro aceleradoras sectoriais, que percibirán ata 125.000 euros cada unha para o impulso e o apoio a un total de en torno a 25 proxectos empresariais. O prazo para presentar solicitudes será dun mes a partir de mañá. Ademais destas axudas, os tres mellores proxectos empresariais de cada aceleradora terán a posibilidade de acceder a un préstamo participativo de Xesgalicia de ata 50.000 euros, polo que se estima un investimento a maiores de 600.000 euros.

As aceleradoras apoiadas deberán ser empresas con domicilio social ou con centro de traballo en Galicia, que realicen actividades de aceleración de proxectos de innovación e que conten con experiencia neste eido. A Axencia Galega de Innovación, que non intervirá na xestión dos distintos programas de aceleración, prestará este apoio económico a iniciativas privadas e de ámbito sectorial como exemplo da súa aposta pola colaboración público-privada para fomentar o emprendemento innovador. De feito, trátase da primeira vez en Galicia na que se proxecta unha convocatoria que ofrecerá axudas ás entidades privadas que desenvolvan actividades de aceleración de proxectos empresariais innovadores.

Para a selección das aceleradoras, que serán de temáticas especificas e impulsadas polo propio sector ao que pertenzan, inclúense criterios de valoración como a experiencia previa nas actividades de aceleración, as metodoloxías de aceleración aplicadas, os recursos humanos e materiais dispoñibles, a especialización nun sector ou temática aliñada cos retos e prioridade da RIS3 para Galicia, o potencial de coinvestimento privado que colabore no programa de aceleración e a capacidade de internacionalización.

Rede de aceleradoras

A Xunta segue así o camiño fixado na Lei de Emprendemento e no labor da Unidade Galicia Emprende, potenciando a cultura emprendedora en Galicia. O mapa galego de emprendemento complétase con outras aceleradoras impulsadas desde a Consellería de Eocnomía, Emprego e Industria, como son os casos de Agrobiotech, especializada no despegue de empresas con gran potencial en ámbitos como a biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa, con sedes en Lugo e Ourense; Vía Galicia, unha aceleradora de emprendemento innovador na que a Xunta colabora co Consorcio da Zona Franca, con sedes en Vigo e Lugo; Galicia Open Future, dedicada en Santiago ao emprendemento tecnolóxico e na que colabora con Telefónica; Connecting for Good Galicia, que se desenvolve en Santiago con Vodafone; ou a Bussines Factory Auto, un proxecto de recente creación en Vigo no que tamén participan Citroën, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Consorcio da Zona Franca.

Tamén se están poñendo en marcha en Galicia sete espazos coworking a través do Igape e da Escuela de Organización Industrial para asesorar e formar a 1.750 emprendedores repartidos entre Ferrol, Cabana de Bergantiños, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Celanova, Xinzo de Limia e Santiago.

En total, coas iniciativas xa en marcha a Xunta leva investido na Rede de Aceleradoras 12 millóns de euros que teñen permitido apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada