O escritor porriñés Diego Giráldez presenta ‘Galería de Saldos’ dentro dos ‘Venres D_letras’

Xosé Monteagudo, Inma López Silva e Ledicia Costas, outros escritores que participarán en ‘Venres D_letras’

 

Diego Giráldez.  JANITE

Diego Giráldez. JANITE

‘Venres D_letras’ vai propiciar que unha serie de escritores e escritoras galegos presenten na localidade as súas novidades editoriais. Este ciclo terá continuidade o segundo venres de cada mes, a partir das 20.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, dándolle cabida tanto a autores consagrados como aos novos valores da nosa literatura.

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, coordinada por Hortensia Bautista, é quen vén de pór en marcha este novo ciclo. Dende a Concellería de Cultura explican en nota de prensa que “trátase, desta maneira, de darlle visibilidade aos escritores galegos contemporáneos, así como ofrecer aos ponteareáns unha visión global da actualidade editorial que se está a desenvolver en Galicia”.

Para inaugurar este ciclo contaremos coa presenza do escritor porriñés Diego Giráldez, que vai presentar o seu libro de relatos “Galería de saldos”, publicado o pasado mes de xuño e considerado por algúns críticos como unha das revelacións literarias do ano polo seu estilo e o tratamento dos temas. Está integrado por 28 relatos curtos nos que as vidas dos personaxes se mesturan con reproducións “baratas” de obras de arte coñecidas, e supón un paseo por cuestións moi apegadas á actualidade coas que calquera se pode sentir identificado. O escritor estará acompañado do xornalista e tamén escritor Manrique Fernández, coordinador do ciclo.

Nos vindeiros meses contarase tamén coa presenza de  Xosé Monteagudo, que presentará a súa novela “Todo canto fomos”; con Inma López Silva, que nos trae “Aqueles días en que eramos malas”; ou con Ledicia Costas, que traerá a Ponteareas “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada