Roque Durán, presidente de Adega Terra de Asorei: “É un prestixio e un orgullo presentarnos no mundo cun viño que é galego, que fala galego e que exhibe o selo de Galicia Calidade”

Quere un viño albariño “interclasista” que polo seu prezo “axeitado” sexa accesible a todo o mundo

IMG_7434

Roque Durán, presidente e conselleiro delegado de Adega Terra de Asorei, nas instalacións da adega en San Martiño, Meis, Pontevedra.

Na adega Terra de Asorei hai un apaixonado do viño e de xeito especial da uva Albariña. Un home de liderado, de unión, de capacidade de aglutinar arredor de si para un proxecto a outros grazas á súa capacidade de albiscar aquilo que está por vir. Unha especie de catalizador de empresarios que foi quen de transformar viticultores e adegueiros en membros dun consello de administración; de profesionalizar empresas familiares e de abrir camiño comercial pasando de mercados locais a mercados estranxeiros. Conseguiu que “os socios se motivasen para traballar en común e chegar a ter unha empresa común”.

Xosé Ramón Durán Martínez (Cambados, 1962), Roque Durán ou Roque –como lle chamaban cando xogaba ao fútbol-, fala de autenticidade, de calidade, de excelencia, de modernización…

Por iso, Terra de Asorei é unha adega que xurdiu da unión doutras seis –exitosas todas- que non querían perder o tren “da revolución agraria do Albariño”, trala creación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Un deles, a primeira persoa que viviu profesionalmente do mundo do viño e con cepas de albariño de 60 e 80 anos de existencia.

Nestes 25 anos foron dando pasos moi medidos. En plena crise, entre 2008 e 2012, coa esperanza de saír con máis forza da proba. E así foi. Conquistaron mercados internacionais e hoxe están en máis dunha ducia de países estranxeiros.

Roque Durán é xornalista pola Complutense e estudou Dirección comercial en ICADE. “Vou estudar xornalismo porque creo que o que lle falta á xente é información para modernizar”, xustifica a súa elección. O seu pai, armador de baixura que pescaba sardiña e empeñado en unirse con outros para levantar conserveiras en terra que apuntalasen o traballo no mar. Del herdou Roque ese “carácter emprendedor”, característica da tradición familiar.

Outro galego que o marcou foi Valentín Paz Andrade cando o seu pai llo presentou na primeira edición de World Fishing Exhibition. Paz Andrade “foi un home comprometido coa modernización do país e soubo mesturar o xornalismo coa empresa”.

Ese don de albiscar no futuro xa o manifestou antes cando publicou o libro que define como informe titulado ‘O Xurdimento dos Medios de Comunicación Galegos’, Xunta de Galicia, 1989. Nel predixo a chegada de operadoras que cubrirían o territorio como fixo a galega R hoxe filial da compañía multinacional vasca de telecomunicacións Euskaltel. Sempre nel esa capacidade para albiscar o futuro.

Terra de Asorei é “a porta do Salnés”, acuña Roque. A adega conta desde 2015 con novas instalacións en San Martiño, Meis. (saída 7 da autovía). Este ano será a segunda colleita nestas instalacións que pronto van ser identificadas coa nova imaxe corporativa que prepara o prestixioso creativo Pepe Barro. Os seus seis socios reúnen en total case 60 hectáreas de viñedo, todo de uva albariña. Elaboran tres marcas de albariño cen por cen: Terra de Asorei; Pazo de Torrado e Nai. Están preto das 400.000 botellas e queren ir crecendo ata as 600.000.

“Nós sempre apostamos pola calidade e por ser auténticos” e engade un viño “de uva albariña da comarca do Salnés”, explica Roque Durán, presidente e conselleiro delegado de Terra de Asorei. Queren un viño albariño “interclasista” que polo seu prezo “axeitado” sexa accesible a todo o mundo.

Roque está orgulloso de que a calidade de Terra de Asorei sexa controlada, primeiro pola DO Rías Baixas e logo pola marca Galicia Calidade “que para nós é un prestixio e un orgullo presentarnos no mundo cun viño que é galego, que fala galego e que exhibe o selo de garantía de Galicia Calidade”.

A internacionalización da adega explícaa o seu presidente e conselleiro delegado como “o que fixemos foi adaptarnos a un mundo cambiante. A forma foi unirnos, facer economía de escala, mantendo esa autenticidade e unha aposta pola calidade xunto coa paixón por ser viticultores e por busca a excelencia. E iso abriunos ao mundo”.  Engade como entre 2009 e 2011 o mercado galego estaba pechado e apostaron pola internacionalización. Empezaron vendendo viño a Alemaña, EEUU, Inglaterra, Xapón e Bélxica. Os últimos mercados que abriu Terra de Asorei son Polonia, Rusia e Puerto Rico.

Roque está convencido dos bos resultados da “estratexia do pan de millo” que fixo saír adiante a moitas familias en tempos de dificultade. Nun ambiente de colaboración, de irmandade, cada socio achegou os seus coñecementos… de 25 anos de experiencia para facer realidade a empresa común que se fundou en 2008.  “Con esforzo e intelixencia; cos pés na terra; e a cabeza e a vista mirando o que pasa no mundo”.

Aos empresarios galegos recoméndalles “que teñamos o orgullo de crear riqueza na nosa Terra; que teñamos a intelixencia de saber unirnos para crear empresas; e que as novas xeracións teñan a posibilidade de ser felices neste recanto do mundo que é Galicia”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
2