Xaime Isla Couto traballou “pensando máis no nós que no eu”, afirma o conselleiro de Cultura

RomanO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, lembrou este venres o importante labor de Xaime Isla Couto como introdutor da “modernidade e o progreso á cultura e sociedade galegas”. Con motivo da clausura do simposio internacional ‘Xaime Isla Couto: raíz e utopía’, tamén destacou o seu traballo desde os diferentes ámbitos: o cultural –a través das Editoriais Galaxia e SEPT–, o económico, dirixindo a Revista de Economía de Galicia; e desde os planos da política e da normalización lingüística.

O titular do departamento cultural da Xunta de Galicia subliñou que todas estas múltiples facetas do intelectual e galeguista as desenvolveu ao longo da súa vida “pensando máis no nós que no eu”, posto que foi, nas súas palabras, unha persoa “moderada nas súas ideas, pero fervorosa na súa realización e esforzo”.

Durante o acto de clausura, Román Rodríguez estivo acompañado polo padroeiro da Fundación Isla Couto, Alberto Meixide; polo presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal; e polo vicesecretario da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga.

ACTOS

Este simposio serviu tamén para poñer o broche final ao amplo ciclo de celebracións do centenario do nacemento de Xaime Isla Couto, que comezou o pasado ano e se estendeu aínda por boa parte deste 2016.

Organizado pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e pola Fundación Isla Couto –coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, da USC e da Editorial Galaxia–, o simposio reuniu durante dous días intelectuais, académicos, investigadores e empresarios para analizar polo miúdo o protagonismo de Xaime Isla no galeguismo do século XX como as Mocedades Galeguistas, o Partido Galeguista, a Editorial Galaxia, a galeguización da liturxia e o Partido Popular Galego da transición democrática. Tamén abordou o seu labor como intelectual comprometido no campo da economía e como profesor universitario e asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, Zeltia, Cementos Oural e dos gremios de conserveiros e madeireiros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada