O IEM publica o libro manuscrito e ata o de agora inédito ‘Contos Pequenos’ de Victoriano Taibo

Concerto do músico, compositor e cantante Paco Barreiro así como lectura creativa dos contos a cargo de alumnos de distintos centros educativos de Gondomar

O grupo de teatro afeccionado Bertorella que interpretou algúns dos Contos Pequenos na entrega do Premio Victoriano Taibo, en marzo deste ano. ARQUIVO.

O grupo de teatro afeccionado Bertorella que interpretou algúns dos Contos Pequenos na entrega do Premio Victoriano Taibo, en marzo deste ano. ARQUIVO.

O Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, vai presentar o vindeiro domingo 30, ás 19.00 horas, no auditorio municipal de Gondomar o libro manuscrito, ata o de agora inédito, Contos pequenos, de Victoriano Taibo, mestre durante 20 anos de Morgadáns e para quen intentamos coseguir o Día das Letras Galegas de 2018; nesta pretensión inscríbese o acto lúdico, dirixido a todos os públicos.

Haberá ademais un concerto do músico, compositor e cantante Paco Barreiro así como lectura creativa dos contos a cargo de alumnos de distintos centros educativos de Gondomar.

No ano 1955 o doutor Antón Beiras García, oftalmólogo de gran prestixio internacional, recibiu un entrañable agasallo: un volume manuscrito que contiña oito contos populares aos que Victoriano Taibo lle dera forma literaria. O doutor, totalmente comprometido coa causa galeguista, teimaba en educar os fillos en galego e por esa época debía estar introducindo o primoxénito na lectura e escritura nesta lingua que carecía de material axeitado, polo que mercaba libros en portugués. A dobre condición de mestre e escritor do académico, amigo seu, non debeu ser allea á súa decisión de escribir, encadernar e regalarlle ao médico aquela obriña única que titulou Contos pequenos, dedicada ao fillo Hixinio.

O IEM ofrece agora este opúsculo na súa versión orixinal acompañado de catro artigos de diversa índole; así, Hixinio Beiras Cal fala dos seus recordos daquela época; Camiño Noia Campos incardina os contos dentro do folclore internacional; Gonzalo Navaza Blanco fai un estudo do léxico e das expresións empregadas; e Xesús Alonso Montero cóntanos a historia externa do manuscrito. Leva, tamén, unha versión actualizada (cun vocabulario, ao final, das palabras que, sendo galegas, non se atopan no dicionario da RAG) do texto dos contos coa dobre finalidade de facilitar a lectura do manuscrito e de que sirva como libro de lectura para cativos en idade escolar, ilustrado por Fino Lorenzo.

Este volume, concibido como unha unidade, desmémbrase en tres libros que poden ser lidos independentemente, facilitándolle ao lector o uso que desexe facer da información aquí ofrecida. Conteñen, respectivamente, as partes comentadas máis arriba, é dicir, a edición facsimilar, o conxunto de artigos de acompañamento e a versión actualizada. Unha caixa envolvente que serve de portada do conxunto, deseñada igualmente por Fino Lorenzo, consegue a unidade antes mencionada

PACO BARREIRO

Músico. Actor. Comezou como intérprete musical acompañando os cantautores Pilocha e Xosé Manuel Conde a finais dos anos 70, e continúa acompañando a María Manuela. Foi membro da Agrupación Guitarrística Galega e integrante dos grupos Luada e Anamoura, ademais de dar os seus propios concertos como solista, xeralmente interpretando músicas de propia autoría. Participou en máis de 20 montaxes teatrais, a maioría como autor da música, para compañías como Máscara17, Tranvía, Ollomol Tranvía, Centro Dramático Galego, Tanxarina e outras. Colaborou en varias gravacións para público infantil coas editoriais Galaxia e Xerais. Desde o ano 86 é profesional da dobraxe galega, intervindo como alumno, actor, director, axustador e profesor. Actor, intérprete e produtor de Dangarandán, un traballo para guitarra solista sobre 16 pezas da música tradicional galega, actualmente prepara unha gravación sobre varios poemarios da súa autoría.

VICTORIANO TAIBO

Victoriano Taibo García naceu en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 no seo dunha familia de clase media que rexía unha fonda no barrio da Algalia de Arriba, e morreu en Vigo o 13 de marzo de 1966. Estuda Maxisterio na Escola Nor-mal compostelá e dedicará toda a súa actividade profesional ao ensino, actividade que guiou a súa docencia por unha decena de escolas e localidades. Hai constancia da alta valoración que mereceu o seu labor docente ”nunha vila de Valladolid despois do expediente de depuración e a sanción correspondente baixo a grave acusación de “gallegista”; pero as mostras máis evidentes proveñen de Morgadáns, a escola que máis tempo rexentou (1930-1950): primeiro, pola enorme cantidade de sinaturas recollidas para que fose reposto; logo, pola grande homenaxe que lle renderon os seus ex-alumnos en 1955, organizada polos residentes en Montevideo; e finalmente polo cariñoso e respectuoso recordo que del gardaban os seus ex-alumnos e veciños que aínda vivían no ano 2008 en que o IEM organizou importantes actos de homenaxe á súa figura.

A súa angueira cultural é longa, densa e variada, a pesar de que non deixou máis ca tres libros editados. Talvez a obra máis extensa sexa a que publicou en innúmeros periódicos e revistas do país e de fóra del, máis de corenta cabeceiras que recollen centos de artigos e poemas. Deu ao prelo en vida tres obras; dous poemarios; Abrente (versos galegos) (1922) e Da vella roseira, cántigas orixinás (1925), e unha obra narrativa: Da Agra Aberta, contos e lêndas (1955), todas elas con notable éxito. 

Taibo foi un persoeiro do mundo da cultura. Participou con entusiasmo na fundación das primeiras Irmandades da Fala, concretamente na da Coruña, a de Santiago e a de Ortigueira. Asinou o manifesto nacionalista de Lugo. Premiado en varias ocasións, membro da Real Academia Galega, do Instituto Histórico do Minho, do Seminario de Estudos Galegos; poeta, narrador, colaborador en prensa, conferenciante de éxito. Reclamado para participar nos máis diversos actos, para escribir prólogos, para participar en xurados, para colaborar en revistas. Pero era, sobre todo, un creador que seguía escribindo e que deixou inéditos unha presa de poemas, algúns xa en forma de libro, Abicedo e Cabrinfollas, que publicou en 2008 a editorial Follas Novas en edi-ción de Armando Requeixo. Pola súa parte, o Instituto de Estudos Miñoráns deu recentemente ao prelo dous manuscritos inéditos, Lembranza da Tecedeira e Contos pe-quenos e reeditou Da agra aberta.

Como queda dito, foi condenado por galeguista, o que o fixo abandonar o seu activismo político. Aínda así, seguiu practicando valentemente o seu galeguismo, esta vez estritamente cultural, durante o resto da súa vida, porque o galego que non fala na lingua da súa terra nin sabe o que ten de seu nin é merecente dela.

Cartel anunciador.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada