A adega Matín Codax elabora o Mara Moura, na comarca de Monterrei, berce da historia do viño, e recupera coa Comunidade de Montes e o Concello o castro do Muro de Medeiros

O valioso empresarialmente e con vistas a Responsabilidade Social é “xerar valor coas relacions co entorno” que, ademais, da una “facilidade para contar o que fas”. afirma María Garrido

IMG_7947

Todos os integrantes do proxecto brindan na adega Terras do Cigarrón, Monterrei.

É innovador. Nunca antes unha empresa nun proxecto de cooperación público privada cunha comunidade de Montes e cun Concello a partir dunha tradición oral elaborara un produto como é un viño, Mara Moura, que vai difundir este espazo de “gran densidade cultural” polo mundo adiante. Quen así o pensa son o  profesor da Universidade de Santiago de Compostela, USC, Manuel Gago e o arqueólogo e investigador asociado do Instituto de Ciencias do Patrimonio, INCIP, Carlos Otero.

O profesor Gago explica que Martín Codax foi capaz de aproveitar este inmenso tesouro da cultura galega –o castro do Muro de Medeiros- para crear riqueza a partir dun produto moi singular. E isto é a primeira vez que o xera un xacemento arqueolóxico. Por iso, afirma: “Aquí estamos ensaiando o futuro do patrimonio cultural de Galicia”.

Para a directora de Marketing da adega Martín Codax, María Garrido, o valioso empresarialmente e con vistas á Responsabilidade Social é “xerar valor coas relacións co contorno” que, ademais, dá una “facilidade para contar o que fas”.

Neste sentido a adega Martín Códax foi quen de escoitar e implicarse no proxecto que Luís Paadín, home que vive do viño e para o viño –así se define-, albiscou en 2011, cando pensou que “a historia do viño tiña no castro do Muro de Medeiros o seu berce” ao atopar lagares rupestres dos que xa deixara constancia, nos anos 40, o arqueólogo e historiador XesúsTaboada Chivite. Paadín intuíu que monte Sampaio, onde está o Castro Cidade de Medeiros, no concello de Monterrei, “era o inicio de algo que vai situar a Galicia no mapa do mundo do viño”.

O papel da adega Martín Códax da DO Rías Baixas, subzona do Salnés, enténdese a través da súa participación na adega Terras do Cigarrón da DO Monterrei. O seu afán de aplicar a Responsabilidade Social Empresarial levouno a liderar este proxecto coa colaboración do Concello de Monerrei e a Comunidade de Montes propietaria do terreo onde está o Muro de Medeiros.  A adega Martín Codax quere xerar valor arredor da recuperación dun castro, intimamente vinculado coa produción de viño, da segunda Idade do Ferro, isto é, cunha antigüidade de 2.500 anos. Teñense descuberto 9 lagares rupestres e hai un que podería selo  tamén –e aínda poden ser máis-, segundo o veciño e bo coñecedor da comarca Eduardo Castro San, que dan fe da “industria”, outrora, de produción de viño que existía arredor deste castro que estivo aínda despois un século máis habitado polo romanos. Outra característica deste castro cidade de Medeiros é que no mesmo lugar onde estaban as vides, estaban os lagares e as adegas.

“É unha paisaxe excepcional, unha cousa única na Península Ibérica pola singularidade da concentración de adegas e lagares vinculados aos antigos viñedos”, expresa o profesor Carlos Gago.

O volume de viño que se elaboraba fai pensar que existía unha exportación de caldos. De feito, hai documentos no século dezaoito que falan de como a Casa aristócrata de Monterrei enviaba este viño ao Rei de España, entón coñecido como viño da Ribeira de San Brais. “Era un viño dunha calidade especial e colleitábase dun xeito moi delicado”, explica Gago.

Para Carlos Gago, o Muro de Medeiros vaise converter no castro da porta de entrada de Galicia. Un castro tremendamente asociado ao viño, a un viño de calidade que é parte dunha paisaxe ancestral que ten que ver cos nosos antepasados.

Medeiros é un exemplo de conservación da memoria da elaboración do viño, das cepas, das variedades e os territorios de hai 2.500 anos.

Na actualidade o concello desbravou os camiños que levan ao castro así como a súa parte superior que estaba oculta pola maleza. Agora o proxecto no xacemento pode levar 4 ou 5 anos para facer visitable este castro do monte Sampaio.

Otero destaca que é “impresionante a magnitude das defensas en relación co tamaño que ten”. Por iso aventura que “é algo máis que un poboado ou o castro é algo máis do que vemos”. Explica que é unha paisaxe “moi recollida” e preto do río Búbal que era unha vía de comunicación.

Con todo ese acervo, a adega Martín Codax, coa participación da adega Terras do Cigarrón, elaborou o viño Mara Moura. É un viño de altura xa que a uva seleccionada para as 10.000 primeiras botellas está tomada de cepas que están dende 700 a máis de 800 metros de altura. De aí que Mara Moura sexa, literalmente, un viño de altura. Para a enóloga de Martín Codax, Katia Álvarez, esta uva Godello exprésase, na altura, de xeito diferente, con máis elegancia. Os viñedos están en solos de xistos, arxilosos e graníticos que proporcionan unha mineralidade característica. Fermenta a baixa temperatura (14-16 grados) e ten crianza sobre lías (lévedos). A ‘crema’ que se decanta durante 6 meses vólvese a poñer en contacto co viño para que lle achegue as súas calidades. Máis tarde, un 5% do Godello repousa en barricas de 500 litros para gañar en complexidade e, por tanto, en diferenciación. Logo mestúrase coa uva Treixadura que lle proporciona carácter, “a segunda varietal máis importante” a xuízo de Álvarez.

O resultado é un viño intenso e complexo, explica a enóloga. “Un viño que fala do godello de Monterrei”. Cun carácter marcado polo tipo de solo e a altura do viñedo. O Mara Moura “é un viño que cheira a monte, a herba; de carácter balsámico. Un viño que se amosa amplo en boca, amable, con acidez e frescura. Un viño cun envellecer moi longo”, conclúe Katia Álvarez.

O alcalde de Monterrei, José Luís Suárez Martínez, así como os veciños están orgullosos e “ilusionados” de que o proxecto vaia adiante. Na presentación, Suárez Martínez, afirmou: “A xeoloxía non nos legou diamantes, pero a Historia agasallounos cun material precioso. Poñamos os medios para que as pedras saian do seu sono e falen. Se as escoitamos debidamente, poderemos entre todos –veciños, entidades públicas e privadas- ser partícipes e responsables dunha parte do desenvolvemento social e económico do noso municipio”.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada