Gondomar revive a Victoriano Taibo

Vai ser declarado Fillo Adoptivo en decembro e terá unha rúa co seu nome

Paco Barreiro musicou algúns contos.

Paco Barreiro musicou algúns contos.

Gondomar réndese ante Victoriano Taibo. O alcalde, Paco Ferreira, anunciou que, en decembro, aprobará a Corporación a declaración de Fillo Adoptivo de Gondomar para Victoriano Taibo. “O noso irmán, amigo e persoa a quen admiramos”, dixo Ferreira.

Ademais, instou ao Instituto de Estudios Miñoráns, IEM, a presentar canto antes unha proposta para que Taibo teña unha rúa co seu nome en Gondomar.

Este domingo a presentación de Contos Pequenos foi todo unha homenaxe ao mestre de Morgadáns coa posta en escena dos seus contos por parte de alumnos dos colexios do municipio.

O alcalde gondomarés felicitouse da edición de Contos Pequenos baseada no manuscrito de 1955 e impulsada polo IEM co financiamento do Concello de Gondomar. E engadiu “para que non desaparezan e se coñezan de primeira man”. Paco Ferreira expresou o seu desexo de que estes contos “algún día poidan ser estudados no colexio”.

O alcalde felicitou a Miguel Anxo Mouriño, membro do IEM e promotor do premio Victoriano Taibo, polo traballo desenvolvido a prol da figura desta “persoa que está viva”, dixo. Ademais de dicirlle á filla do homenaxeado, Gloria, que conte con Gondomar.

O interprete musical Paco Barreiro musicou algúns contos durante o evento que durou case hora e media e no que o numeroso público infantil seguiu as cancións e os contos representados por algúns deles mesmos.

Marta Dacosta presentou o acto e transmitiu a reclamación do IEM dun Día das Letras Galegas para Victoriano Taibo.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada